Arsénico por compasión

Éo título dunha película(1944) de Frank Capra onde unhas velliñas axudaban a pasar a mellor vida aos vagabundos: unha comedia que xa é un clásico. O método era usar arsénico. Visitando hai uns días o Teatro Romano de Mérida e o seu excelente Museo veu a miña mente que o arsénico era unha forma de rematar cos opositores no poderoso Imperio Romano e lembrei que aquí na nosa comarca, nos albores do século XX, se sacaba arsénico dunhas  minas na comarca de Valdoviño. Chegando a casa fun na procura do libro “El Monte Campelo y Punta Frouxeira” de Manuel González que lera xa hai tempo e relataba, entre outras cousas, a explotación de arsénico nas minas da bisbarra. Nel atopei algunha curiosidade respecto ao arsénico na súa connotación perversa e homicida que paso a contar.


Co arsénico había un problema: que o envelenamento outrora  era moi difícil de diagnosticar  no rural  porque o cadro de síntomas centrábase nuns graves problemas gastrointestinais que levaban, na maior parte dos casos, ao falecemento do doente e non facían sospeitar o uso desa matéria branca  facilmente confundíbel co azucre. Polos seus usos na agricultura era relativamente doado facerse con el. Un caso moi curioso foi este:


Había en Meirás un mozo de 25 anos, noivo dunha veciña á que pasado un tempo deixou. Unha irmá daquela rapaza intentou por tódolos medios unha reconciliación sen éxito e deseñou a vinganza. Preparou unha mestura de arsénico con azucre para, chegado o caso, envelenar ao mozo botándolla no café se aceptaba un segundo encontro para se amigar. Non foi así e o brebaxe quedou na espeteira. Quixo a mala fortuna que a moza abandonada confundira a apócima con azucre e non tardou en falecer. Cando o exnoivo acudiu á casa para dar o pésame á familia foi invitado a tomar café...con arsénico e ao pouco tempo, entre fortes dores, morreu, non sen antes manifestar a sospeita de que fora envelenado. Diante disa conxectura o médico Casas apuntou a conveniencia de facer a autopsia que despexou a dúbida e certificou que o mozo fora envelenado. A autora de executar este asasinato foi xulgada e condenada a trinta anos de prisión. Vaia con aquela muller chamada por certo Dores, ¡miúda era!


Vexan pois que o arsénico, malia usarse na industria como por exemplo en pesticidas, formar parte de óleos e pinturas e demáis usos industriais, serviu a aqueles próceres do poderoso Imperio Romano para  quitar do medio, imperiosamente, a algúns opositores que estorbaban o seu xa hai máis de dous mil anos, o mesmo a Frank Capra para se inspirar na súa afamada película, e a esa muller ofendida polo que consideraba un oprobio para a súa irmá nun tempo no que en Valdoviño xurdía o arsénico nalgunha explotación a ceo aberto. E miúdo gastábanllas en Valdoviño diante dunha ofensa así naquel tempo. Abofé.

Arsénico por compasión

Te puede interesar