Apuntar á Lúa

na linguaxe simbólica e de indiscutíbel carga metafórica, cando dicimos que algo “apunta á Lúa no canto de mirar o dedo”, referímonos a unha moi atinada expresión que se usa para describir unha forma de manipular a atención das persoas, distraéndoas con algo secundario ou irrelevante, mentres se oculta ou se ignora o que realmente importa. E dicir, para entendelo mellor, cando alguén sinálache a Lúa co dedo e, pola contra, a persoa ficase mirando o dedo, sen darse conta da beleza e a grandeza deste astro nocturno, o satélite da Terra.  Esta expresión pódese aplicar a moitas situacións da vida cotiá, pero sobre todo ás técnicas e estratexias que utilizan algúns medios de comunicación, políticos ou empresas para crear marcos de relato que favorezan os seus intereses, desviando os temas realmente importantes. Un caso claro diso é  cando se fala da crise económica e social, e diante diso pódese apuntar á Lúa co dedo, culpando aos inmigrantes, aos sindicatos, aos ecoloxistas ou aos mozos, no canto de analizar as causas estruturais e as responsabilidades dos poderes financeiros e políticos.


Ou cando se trata o tema do cambio climático, digamos mellor a emerxencia climática, pódese apuntar á Lúa co dedo, negando a evidencia científica, promovendo falsas solucións ou culpabilizando aos consumidores, no canto de cuestionar o modelo económico e enerxético que o provoca. Apuntar á Lúa co dedo é unha forma de enganar, de confundir, de retorcer a información, orientada nunha dirección perversa e interesada. Pero tamén é unha forma de perderse o esencial, o que vale a pena.


Andamos nunha transcendente campaña electoral, tempo ben tentador para facer uso desta ferramenta situando o estratéxico “apuntar á Lúa no canto de mirar o dedo” para concentrar o punto de atención da cidadanía, cansa e incapaz de ir ao fundo da problemática máis importante incluída a que lle afecta de xeito máis directo; promovendo así, coa complicidade dos máis relevantes medios de prensa na orientación do foco político sobre o irrelevante, anecdótico e dun balbordo que vai alén da oferta de xestión política a futuro. Moito máis no caso galego, vítima dunha axenda imposta, centrada na dinámica estatal, allea e mesmo contraria ao interese deste noso país.  Por iso, é importante estar alerta e non deixarse enganar polos dedos que nos sinalan á Lúa. Hai que mirar máis aló, hai que buscar o que de verdade nos interesa. Hai que mirar a Lúa. E ir a votar.

Apuntar á Lúa

Te puede interesar