A actualidade de Gramsci

Antonio Gramsci naceu na Sardeña, no ano 1891. Foi primeiro militante socialista, e no ano 1921 formou parte dos fundadores do Partido Comunista Italiano (PCI). Sería deputado polo PCI, membro da dirección do partido, e secretario do mesmo dende 1926 ao triunfar súas teses no congreso de Lyon. Detido no ano 1927, durante a ditadura fascista de Musolini, permanece en prisión até poucos días antes da súa morte no ano 1937. Na cadea foi sometido a todo tipo de vexacións, o que non impediu que moitas das súas análises e reflexións foran realizadas nesta etapa, concretamente os famosos “Cadernos do cárcere”.


Gramsci analiza a estrutura económica e política e a súa incidencia sobre a sociedade, e ademais valora: como e quen transmite a ideoloxía dominante; a relación da infraestrutura coa superestrutura, e estuda detidamente esta última, xa que considera que existen eivas nas tarefas  desenvolvidas. Neste aspecto coida, que ademais das institucións e organismos directamente dependentes do Estado, existe a “sociedade civil”. Coida que esta abrangue o ensino, os medios de información, a Igrexa, etc, que teñen un papel destacado na construción da hexemonía.


Para Gramsci o poder esta exercido en cada etapa por un Bloque Histórico que non se reduce a unha simple alianza de clases sociais, xa que expresa o vínculo orgánico que une a estrutura económica coas superestruturas xurídico-políticas e ideolóxicas que corresponden a unha estrutura social concreta. O bloque histórico non é polo tanto só unha alianza de clases sociais, sen forma, xa que a hexemonía que asegura a súa cohesión corresponde a unha visión do mundo (superestrutura) que lle garante á clase dirixente capacidade pra atender os problemas “nacionais” e dar solucións concretas (infraestrutura).


Ten relevancia o que Gramsci chama a “sociedade civil” na consolidación da hexemonía do “bloque histórico dominante”, especialmente na imposición da súa ideoloxía, dos seus valores e filosofía de vida. Daquela que non abonde con ter maioría política nas institucións, nen impulsar  dende o Governo só un cambio na estrutura económica, porque a ideoloxía do bloque hexemónico (aínda electoralmente derrotado) mantén unha gran incidencia na sociedade. Ou sexa, ten capacidade para mudar de novo a correlación de forzas, tirando rédito das contradicións entre a nova situación económico e social é as vellas ideas dominantes.


Son reflexións de actualidade, a termos en conta cando se quere mudar o sistema para poñelo ao servizo da maioría, máxime despois da revolución comunicacional.

A actualidade de Gramsci

Te puede interesar