Día Internacional dos Traballadores, data sinalada que cómpre celebrar de calquera das maneiras posibles, a poder ser na rúa, nas manifestacións convocadas polos diferentes sindicatos, porque, se ben é día de festa, non podemos deixar de lado as reivindicacións laborais e sociais. Pode parecer que fica moi loxe 1889, ano no que o congreso da Segunda Internacional, que tivo lugar en París, declarou o 1º de maio día de loita reivindicativa en homenaxe aos chamados Mártires de Chicago, os sindicalistas inxustamente executados pola súa participación nos sucesos reivindicativos da xornada laboral de oito horas, que tiveran a súa orixe na folga iniciada o 1º de maio de 1886 nesa cidade. Mais, se atendemos á cantidade de noticias que constantemente nos chegan de contratos, baixo corda, de ata 16 horas, ou máis, vemos que non está tan lonxe, que case parece que foi antonte. Que andamos para atrás.
Como, malia as infinitas prohibicións e atrancos de todo tipo que a celebración tivo desde os seus inicios en moitos lugares, a festa reivindicativa gañaba forza, os que mandan no mundo recorreron a calquera invento que puidese freala.
Unha das ideas máis relevantes, por aquilo do carácter ecuménico, saiu do Vaticano, cando, en 1954, o papa Pío XII declarou o 1º de maio festividade de San Xosé Obreiro, introducíndolle un matiz relixioso ao mundo laboral: os “obreiros católicos”. O franquismo, tan nacional-católico como era, non podía permanecer á marxe desta manifestación de fervor de catolicismo operario. Así, ademais de facer o día festivo, elexiuno para substituír o 18 de xullo como festa de exaltación do traballo, e, desde 1958 ata o ano da morte do ditador, celebrou no Santiago Bernabeu as denominadas Demostracións Sindicais, exhibicións ximnásticas e folclóricas- nas que tomaban parte traballadores e traballadoras de todo o Estado- organizadas pola Obra Sindical de Educación e Descanso. Recordo que meu tío Fernando, operario de Bazán xa falecido, participara nalgunha ocasión. Retransmitíanas en directo pola televisión e lémbroas como tremenda e aburrida paliza á que non lle prestaba a menor atención.
Pola contra, si lla prestaba ás repeticións de partidos onde podiamos remirar as xestas do Real Madrid nas competicións europeas. A raza e a furia española arrasando co que se puxera por diante. E iso que nin todos eran españois. Hoxe é peor. No último partido, o da semana pasada, no equipo titular só estaba Carvajal. Abonda. O caso é que o franquismo soubo utilizar bastante ben as transmisións deportivas para ter a xente metida na casa ou nos bares.
Lembrei cousas destas onte na Malata vendo a complicada vitoria do Racing sobre o Talavera. Un xusto e ben tirado penalti lanzado por Joselu.
Lembraba tamén que nesta tempada non deixei de ver ningún partido, xa na tele, os de fóra, xa no campo os de casa. Só fallei hai 15 días no campo –que non na tele–, porque andaba dando unha volta polo sur e tiña tablet.
Hoxe houbo bastante sorte, pois o Racing non mostrou nin a autoridade nin ese xogo -do mellor da categoría- que lle vimos en varios dos últimos partidos. Algo moi importante para afrontar esta parte final do campeonato e a posible e desexable fase dese ascenso que teño soñado e que vexo factible.