LETRAS ATLÁNTICAS | Figuras de xardín

Literatura en #Nordesía: Armando Requeixo escribe sobre "As obras póstumas", de Diego Giráldez
LETRAS ATLÁNTICAS | Figuras de xardín

Descubrín a escrita envolvente de Diego Giráldez hai anos, cando publicou un sorprendente libro de estampas narrativas ao que titulou Galería de saldos (2016), unha obra que saudei recensionándoa. Logo confirmei a valía do seu universo creativo coa aparición de Hotel para coleccionistas discretos (2019), que tamén comentei, e aínda souben da nacenza de O meu sangue (2022).


Renovo o meu interese polos mundos do autor do Porriño diante de As obras póstumas, a novela curta coa que se fixo acredor do Premio Blanco Amor, un texto que edita Xerais. É unha novela en bucle, un xogo de recursividades literarias que nos introduce na vida de Pilar Fonte, unha escritora de éxito, quen, ante a devastadora nova de padecer unha enfermidade terminal, decide ditar un libro que levaba toda a vida a crear aos poucos e pide para isto axuda á súa fiel amiga Natalia, quen transcribe as súas palabras e escribe tamén o epílogo co remata a obra.


Nos relanzos de lucidez que a súa demencia agresiva deixa a Pilar imos sabendo da súa xenuína relación co centro psiquiátrico San Simeón, situado en fronte á súa vivenda. A vida dos internos é, xustamente, o obxecto de literaturización dese inconcluso volume de relatos, “Figuras de xardín”, que leva a escribir toda a vida e que nesta obra póstuma que dita a Natalia figuran integrados servindo de argamasa á narración memorialística do que foi a vida da autora.


Esta elaborada arquitectura narrativa sostén unha historia na que se nos convida á reflexión sobre a loucura e as súas máscaras, sobre a violencia e a soidade, sobre a amizade e as relacións familiares, mesmo sobre o amor e as súas idas e vindas.


Porque se algo caracteriza a Pilar é a súa fina e reflexiva visión do tempo vivido, mais tamén a insubornable independencia fronte a calquera claudicación acomodaticia. Este modo de ser explica as críticas ao seu editor, un feirante ao que non soporta, ao amor romántico e boubón que sabe un imposible ou á especulación inmobiliaria e a irresponsabilidade dos gobernos da cidadanía que desprotexen ás xentes. 

 

Agora ben, esta firme ollada crítica da vida e das cousas non aceda o seu carácter, doce, vitalista, que nos devolve un recordo positivo dos pasos andados e que garda en arca luminosa un pasado pleno de epifanías e momentos vibrantes.


Especial protagonismo cobran na novela a súa relación co interno Darío, unha conexión de almas xemelgas malia o diametralmente oposto das súas historias; por suposto, o vínculo especialísimo que a une á tía Lola, o temón da súa conciencia e a voz sabia e cómplice que a arroupa e a guía; finalmente, non menos estreito é o vincallo con Natalia, irmá en tantos sentidos, un outro eu que encarna a sagra misión de dicir e escribir o que ela xa non é quen.


Giráldez faille dicir a Natalia da súa amiga, a protagonista desta novela, o seguinte: “Pilar non quere rematar nunca nada. Prefire esquecer o punto final tras dun testo, coma quen deixa a copia da chave da casa para que un veciño comprobe que todo está en orde na súa ausencia”. Así me aconteceu a min coa lectura desta intensa “As obras póstumas”, da que é imposible desprenderse tras a derradeira páxina, pois a penetrante melancolía do seu relato continúa tradeando a mente e o sentidos nunha espiral que vai e volve sen fin e se deixa estar ao carón destas inesquecibles “Figuras de xardín”.

LETRAS ATLÁNTICAS | Figuras de xardín

Te puede interesar