O pleno do Concello de Narón celebrou onte unha sesión extraordinaria na que se deu o visto bo a inxección económica que permitirá afrontar diferentes obras na zona rural, con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación.
A inversión de 953.077,50 euros do POS+ Adicional saiu adiante cos votos favorables de TEGA, PP e PSOE e a abstención do BNG
Agora, unha vez aprobado no pleno procederase á licitación dos traballos e á súa adxudicación, de xeito que podan executarse nos vindeiros meses.
Trátase da reparación de pistas de aglomerado dos camiños de Ferrerías, Corredoira, Rúa San Pedro e Rúa de Soria e nos de Pedregal, Villallonte, A Chousa, Calliqueira e outros.
Tamén está previsto intervir nos camiños de Cerdeiras, Capilla da O, Ruxida, Río Seco, Carballal e Lodairo e os de Bazón, Borreiros, Borrallada, Nelle, As Torres, Calvario, Asperón, Pereiro, Abarqueiros, Redondo e Camiño das Murallas.
En total, o Concello de Narón ten previsto acturar en máis dunha trintena de pistas do termo municipal.
Como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, “trátase de actuacións en todos os casos moi necesarias e que permitirán mellorar o estado actual destes viais” .
Do mesmo xeito, “son tan só parte dalgunhas das intervencións previstas nesta área e que continuaremos promovendo porque se trata de obras que consideramos necesario priorizar e por iso dende o goberno local apostamos por destinar esa partida de preto dun millón de euros a estas actuacións”, resaltou a rexedora.
A Ludoteca municipal da Solaina, en Narón, retoma este mes a programación do novo curso. A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, avanzou que hoxe terá lugar no centro o Día Internacional do Chocolate cunha “tarde larpeira”. A iniciativa, na que participarán os menores matriculados no centro, consistirá nun obradoiro de cociña no que prepararán unha merenda que terá como ingrediente principal o chocolate, tal e como explicou a edil naronesa. Esta festividade naceu como homenaxe ao escritor británico Roald Dahl, autor da recoñecida obra “Charlie e a fábrica de chocolate”. A concelleira recordou ademais que xa se poden realizar as inscricións para participar nas actividades e obradoiros que se desenvolverán na Ludoteca municipal este curso. Os interesados poden informarse no centro (rúa Cardenal Cisneros, 2, A Solaina) ou chamando ao número de teléfono 981 389 284.