A oferta cultural habitual do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia –Cimix– amplíase nesta ponte de maio con dúas actividades distintas. A primeira será con motivo deste Día Internacional que se celebra este mesmo xoves, e cada 1 de maio: unha visita guiada chamada “Traballando no XVIII”.
Nesta cita, que ofrece dúas quendas, ás 12.00 e ás 17.00 horas, realizarase un percorrido polo día a día dos traballadores da antiga Real Fábrica de Fariñas de Lestache. Por outro lado, o Día da Nai celebrarase o sábado 3 e o domingo 4, ás 11.30 e ás 18.00 horas, co obradoiro “Flores de trigo”, no que os participantes crearán os seus propios ramos de espigas de trigo de papel para agasallar ás respectivas.
A visita guiada terá un prezo xeral de 5,50 euros e reducido de 4, mentres que o obradoiro poderá realizarse aboando 6 euros por persoa. Ambas actividades requiren reserva na web do centro cimixnaron.gal. Dado o éxito obtido en Semana Santa, na que se esgotaron as entradas, nesta ponte repetirase o escape room “Fariña en marcha!”, sumándose ao resto do programa habitual.