Unha ruta para Semana Santa: sete olladas urbanas

Unha ruta  para Semana Santa: sete olladas urbanas

As festividades de Semana Santa supoñen unha oportunidade para coñecer algunhas das paisaxes máis destacadas da comunidade galega. Turismo de Galicia, axencia da Xunta de Galicia, propón para estas datas unha ruta denominada ‘Sete olladas urbanas’ que pon o foco nas perspectivas únicas das sete grandes urbes galegas dende outros tantos miradoiros. 


A hermida de Chamorro, en Ferrol; o monte de San Pedro, en A Coruña; o Paseo dos Leóns, en Santiago de Compostela;  a área de A Caeira, en Pontevedra; o monte do Castro, en Vigo; a zona de Montealegre, en Ourense; e a Muralla de Lugo son os puntos que ofrecen espectaculares vistas panorámicas das cidades coas que recoñecer ademais os sinais do seu desenvolvemento urbano ao longo dos séculos. 


A ruta polos miradoiros é unha ocasión para descubrir case a vista de paxaro os perfís das urbes e a beleza dos seus entornos naturais. Toda a información sobre os miradoiros de Galicia pódese atopar na páxina web www.turismo.gal. 

 

SANTIAGO

Paseo dos Leóns

Ubicado na Alameda compostelá, ofrece unha das mellores vistas do seu casco histórico. O conxunto conformado pola súa Catedral e o seu centro histórico, Patrimonio da Humanidade dende 1985, poden ser contemplados directamente, nunha estampa única, dende o paseo.

A Alameda é un dos grandes espazos verdes dunha cidade que destaca pola súa rede de parques. A zona da Carballeira coroada na parte alta pola capela de santa Susana, ocupa a maior parte. No 1885 dúas grandes figuras escultóricas con forma de león foron trasladadas dende a Porta Faxeira, sendo colocadas na entrada do Paseo da Ferradura, percorrido que bordea a Alameda.

A CORUÑA

Miradoiro de San Pedro

Preside dende o alto a enseada do Orzán e permite unha privilexiada mirada sobre a Coruña e a súa perfecta fusión co Atlántico. Lugar singular, cunha extensa zona de lecer que conta con atractivos como a Cúpula Atlántica e o Ascensor panorámico.

Dende este punto obsérvase o obelisco Millenium, monólito de cristal que conmemora o cambio de milenio; o Aquarium Finisterrae, coñecido como a Casa dos Peixes, e a Torre de Hércules. Ao lonxe está o Golfo Ártabro, un arco litoral conformado polas rías de Ferrol, Ares- Betanzos e A Coruña. A lenda di que dende estas costas pode divisarse Irlanda.

VIGO

Miradoiro do monte do Castro

É o punto máis elevado do centro da cidade de Vigo, con 149 metros, e o auténtico pulmón verde da urbe, que inclúe diversas rutas e paseos. Dende o miradoiro as vistas da cidade e da ría son sublimes: a magnitude da cidade en primeiro termo, os montes do Morrazo na outra ribeira e as illas Cíes cara ao oeste.

Na parte baixa do monte consérvase o xacemento castrexo, datado entre os séculos III e I a.C. A construción da fortaleza medieval, o Castelo do Castro, cumpría funcións de vixilancia sobre a ría, ao aproveitar a elevación do terreo. Do recinto fortificado consérvanse diversos elementos no seu perímetro como muros, portas e varias troneiras, estando habilitado como xardín o seu interior.

FERROL

Miradoiro da hermida de Chamorro

Dende este punto ubicado no lugar de Serantellos, na parroquia de Serantes, pódese observar unha completa vista panorámica da cidade de Ferrol, fascinante historia na que a presenza do Arsenal militar e dos estaleiros xeraron un singular desenvolvemento urbano.

O monte de Chamorro sitúase ao noroeste do casco urbano ferrolá. Na ladeira, érguese a ermida, dende a que é posible ver o fermoso e fértil val de Serantes. A recollida enseada da Malata acompaña a mirada. A cidade amósase alongada, seguindo a liña da costa, mentres os guindastres e grúas dos estaleiros asoman por riba dos edificios co grande parte da ría ao fondo.

Nos rochedos de Chamorro, a ermida sostense sobre unha pedra de abalar. A edificación, de estilo gótico tardío, data de comezos do século XVI e conta cun senlleiro pórtico cuberto. No interior está a imaxe da Virxe de Chamorro, ou Virxe do Nordés, unha talla románica en madeira que sae en procesión os Luns de Pascua.

OURENSE

Miradoiro de Montealegre

Montealegre é un dos grandes espazos de lecer da cidade de Ourense. Dominado polas súas pendentes, ofrece interesantes vistas da cidade, asentada nas ribeiras do río Miño. Antiga canteira, algún destes espazos foron rehabilitados e utilizados como auditorios ao aire libre.

A Cruz de Montealegre é o punto de maior amplitude de vistas, motivo polo cal foi colocada unha plataforma a modo de miradoiro e un banco que pasou a ser considerado como o “banco máis bonito de Ourense”. Dende o miradoiro a cidade móstrase case por completo, sendo posible contemplar o asentamento urbano no val fluvial.

PONTEVEDRA

Miradoiro A Caeira

Algunhas das mellores vistas da cidade do Lérez poden ser atopadas na Caeira. Localizado no linde entre os concellos de Pontevedra e Poio, é máis que un miradoiro. A Área Arqueolóxica da Caeira permite realizar unha visita ordenada ao conxunto de petróglifos da Idade do Bronce atopados nesta zona.

O barrio da Caeira é unha zona residencial que conta con fermosas vistas sobre Pontevedra e a súa ría. Na parte alta, con acceso rodado, un miradoiro permite unha completa vista panorámica da paisaxe urbana, con especial significación para as pontes sobre o río Lérez e que mostran a evolución da cidade, dende a Ponte do Burgo, pasando pola Ponte da Barca e a moderna e rupturista Ponte dos Tirantes.

LUGO

Miradoiro da Muralla de Lugo

Lugo pode presumir de conservar a súa muralla romana completa. 10 portas, 71 torres e máis de 2200 metros de perímetro intacto fan da Muralla de Lugo unha xoia que mereceu a consideración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000. 

Os anchos muros permiten un longo paseo que fai a función de miradoiro continuo elevado sobre a cidade. O interior da muralla é un completo catálogo de urbanismo, arquitectura e arte con numerosos elementos a visitar: a praza Maior, a acolledora praza do Campo, o Museo Provincial no convento de San Francisco e a catedral.

Dende a Muralla, á altura da Porta de Santiago, a perspectiva da catedral de Santa María é fabulosa. A fachada neoclásica convive coa base románica e con elementos góticos e barrocos, nunha mostra de evolución histórica que ben pode equipararse ao devir da cidade.

 

Unha ruta para Semana Santa: sete olladas urbanas

Te puede interesar