Os partidos da oposición piden á Xunta rectificar ante a “desfeita sanitaria”

Os partidos da oposición piden á Xunta rectificar ante a “desfeita sanitaria”
A portavoz de Sanidade do BNG, Montserrat Prado

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, esixiu á Xunta que rectifique as súas políticas sanitarias e articule medidas urxentes para solucionar a situación extrema que padece a sanidade pública galega en xeral e a Atención Primaria en particular, logo de advertir que Galiza estase a converter nun “clamor” diante da “desfeita sanitaria” creada polo Partido Popular. 


Prado afirmou que o BNG vai estar do lado da cidadanía esixindo medidas para solucionar a grave situación que sofre a sanidade pública galega. 


“As axendas para poder pedir cita están pechadas, non hai reforzos para atender ás miles de persoas que veñen de fóra e no PAC”, advertiu sobre a situación en Sanxenxo. Para a nacionalista, a situación sanitaria do Salnés representa o “kilómetro cero” da “dramática” realidade sanitaria da comunidade galega, “onde se visualiza con toda claridade a desfeita sanitaria creada polo PP, consecuencia de trece anos de políticas premeditadas”.


Segundo recalcou, “non hai profesionais porque fixeron todo o posible para que non os houbera. Que non haxa médicos, pediatras ou enfermeiras é consecuencia de como está sanitario galego, porque non soportan traballar nestas condicións, porque foxen despavoridos”, asegurou.

 

Poucos firman contratos
Así, recordou que “levamos anos en Galiza nos que a inmensa maioría dos profesionais que rematan a súa formación na especialidade de familia e comunitaria non queren logo traballar na Primaria galega” e exemplificou cos datos deste mesmo ano: dos 89 que remataron, apenas 30 aceptaron algún contrato na Atención Primaria de Galicia. 


“Evidentemente o PP terá que dar contas de por que os profesionais non aceptan traballar para o que se formaron e é evidente que non aceptan porque non soportan esta situación”, alertou a portavoz de Sanidade do BNG.


Neste contexto, insistiu en urxir á Xunta a mudar as súas políticas sanitarias que están provocando que miles de galegos non teñan un médico asignado e agarden semanas para ter unha cita. Tamén recordou que hai case 200.000 persoas agardando por unha consulta hospitalaria e outras 40.000 esperando por unha intervención cirúrxica.

 

Propostas
Así pois, Prado reclamou medidas urxentes, tendo en conta a previsión de profesionais que se van xubilar nos vindeiros anos, e incidiu nas alternativas que defende o BNG. Neste sentido, apuntou a un aumento do orzamento en Atención Primaria de 200 millóns, para alcanzar así como mínimo a media estatal, que se sitúa no 14% do investimento sanitario. 


De igual xeito, apostou polo incremento da estabilidade dos cadros de persoal e por desenvolver un Plan de retorno, captación e fidelización de profesionais, con ofertas atractivas e competitivas, e pola incorporación de novas categorías profesionais que contribúan a desconxestionar a atención sanitaria. 


Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle onte ao presidente da Xunta que explique se o “modelo Sanxenxo” é “o que quere estender a toda Galicia”.


Formoso tamén afirmou que Sanxenxo representa a “zona cero” da “xestión dramática sanitaria do PP en Galicia”.  Así, alertou de que “este modelo non se pode estender ata toda Galicia”.


Neste sentido, explicou que a situación deste Centro de Saúde “non é casual” e que ademais “no se limita só a Sanxenxo”, senón que representa unha “situación dramática en toda Galicia”, como consecuencia de 14 anos de xestión do PP, para o que “a sanidade non é unha prioridade”.


O responsable socialista lembrou a oferta lanzada ao Goberno galego e ao PP para “sentarnos, resolver e priorizar a xestión sanitaria” para solucionar o colapso da Atención Primaria, cun aumento do 10% nos orzamentos para a xestión sanitaria.


Formoso explicou que os orzamentos de 2022 contan cun 10% menos de recursos para Atención Primaria que no ano anterior e que Galicia ten un 12% menos de orzamento en sanidade respecto da media das comunidades. Tamén recordou que Galicia conta con 973 profesionais médicos menos que en 2008. 


Precisamente, a Deputación Permanente do Parlamento rexeitou o venres, polos votos en contra do PPdeG, que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareza nun pleno extraordinario sobre a difícil situación sanitaria.


Nesta liña, o vicepresidente parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, defendeu a actuación da Xunta en materia sanitaria. 

Os partidos da oposición piden á Xunta rectificar ante a “desfeita sanitaria”

Te puede interesar