Xosé Abad: “A cinta é unha viaxe que transforma aos estudantes que investigan a historia”

Xosé Abad: “A cinta  é unha viaxe que transforma aos estudantes que  investigan a historia”
O equipo de rodaxe con Xosé Abad e Manuel Rivas no centro

O director coruñés Manuel Abad está a converterse nun dos documentalistas de referencia da “memoria histórica”, ese san exercicio polo cal unha sociedade se interroga a si mesma verbo dos conflitos do seu pasado. En 2010 foi o responsable de “O segredo da Frouxeira”, un catártico exercicio de lembranza do alcalde republicano de Serantes, Alejandro Porto Leis, o seu asasinato e o de varios compañeiros e como as feridas de antano poden cicatrizar na actualidade. Agora, con “A pegada dos avós”, Abad pon o foco nun grupo de estudantes de Bacharelato que se interrogan acerca do que sucedeu a partir do golpe de Estado de xullo de 1936, tema do que a maioría descoñece case todo.
Trala exitosa presentación na Coruña, mañá ás 20.00 horas o documental poderá verse na sede da Fundación Novacaixagalicia de Ferrol con entrada libre ata completar aforo.
O director, Xosé Abad, resume así a cerna de “A pegada dos avós”: “Trátase de sete estudantes de Bacharelato que deciden iniciar a investigación acerca do golpe de Estado franquista de 1936 e as consecuencias que iso tivo. Algúns deles non teñen nin idea de memoria histórica e outros son netos ou bisnetos de falanxistas ou incluso represaliados polo bando republicano. Así que o noso traballo foi facilitarlles varias biografías de xente á que podían entrevistar, das que eles escolleron as que máis lles interesaron, así como xente á que lle podían preguntar polo significado do golpe de Estado, a guerra civil e a ditadura. A película ten a estrutura dunha viaxe. O final non se pode adiantar, pero si se pode dicir que hai sorpresas, alegrías, decepcións e, ao final, un exercicio de transformación nos mozos e mozas que fixeron a investigación”.

familiares e convidados
As historias investigadas polos estudantes foron a do anarquista coruñés José Villaverde e a da mugardesa Amada García, fusilada no castelo de San Felipe en 1938 despois de dar a luz ao seu fillo.  Ademais de falar cos familiares, os mozos entrevistan á Asociación de Memoria Histórica da Coruña, ó escritor Manuel Rivas, ó historiador Emilio Grandío e ó exxuíz Baltasar Garzón. Sobre este último destaca Abad: “Foi a entrevista máis complicada, xa que a súa axenda está chea e non se prodiga en entrevistas. Tivemos que agardar sete meses para poder facela, o que retrasou moito o proxecto, pero ao final logrouse”.
“A pegada dos avós” está producida por EAF Producións e, ademais de diferentes empresas, contou cunha axuda de colaboración a través do método de micromecenado “crowdfunding”, aínda que seguen abertas as axudas. Conta cunha completa páxina web (www.apegadadosavos.com) cun enlace á páxina oficial  Filmotech que ofrece a posibilidade de ver a película. Outra é adquirindo o DVD a través da citada páxina web.

Xosé Abad: “A cinta é unha viaxe que transforma aos estudantes que investigan a historia”

Te puede interesar