As Xornadas da gaita do Ateneo volven a escena en homenaxe a Antón Varela

As Xornadas da gaita do Ateneo volven a escena en homenaxe a Antón Varela
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-1435d2c5

Foron, durante vinte e cinco anos, un perfecto lugar de encontro para aqueles músicos unidos polo son da gaita. O máis novedoso do momento, as formacións que sobresaían ou os novos talentos tiñan o seu espazo nas Xornadas da Gaita organizadas polo Ateneo Ferrolán co obxectivo de contribuír á promoción da música galega.

Tras unha época de ausencia, a entidade cultural retoma unha iniciativa que, ademais, pretende servir de homenaxe ao gaiteiro e artesán Antón Varela “Tonecho”, falecido hai dous anos, que desde agora dá nome á cita.

“El foi o coordinador do encontro desde os seus inicios e contamos cos parabéns da súa filla Erika e do novo coordinador das mesmas, Marcos García”, salientan desde o Ateneo.

Raparigos
Será precisamente unha formación da que Varela formou parte, Raparigos, a protagonista do concerto co que este venres, ás 20.00 horas, as Xornadas iniciarán unha nova andaina.

O grupo ferrolán, integrado por Xan Rodríguez Silvar, Xabier Rodríguez Fariñas, Ramón Dopico e Rafa Victoria e que en 2018 cumpriu medio século de vida, achegará algunhas das pezas do repertorio que prepararon nos últimos anos de vida activa de “Tonecho”, músico co que a formación, orixinariamente cuarteto, ampliábase no ano 83 a un quinteto.

Aquela foi, para Raparigos, unha “época moi bonita”, di Rodríguez Silvar, xa que, entre outras cousas, tiveron a oportunidade de facer soar a música das súas gaitas no estranxeiro, en países como Francia ou Gran Bretaña.

Intentar facer boa música e achegar propostas que interesen ao público seguen a ser, máis de cincuenta anos despois do seu nacemento, dúas das principais máximas dunha formación que este venres, no Ateneo Ferrolán,  abrirá unha nova etapa das Xornadas da Gaita Antón Varela "Tonecho". A entrada é de balde.

Músicos como Carlos Núñez, ou formación como Fuxan os Ventos, A Musgaña, Anxo Pintos, Milladoiro, Trío Vaamonde, Lamas & Romero, Alfo Lies, Marie Le Cam, Agarimo ou Berros do Castro foron algúns do seus protagonistas ao longo da súa historia.

“Unha das características específicas destes encontros é a participación de grupos de música folk galega, xunto con algún autor o grupo convidado de fóra de Galicia, pero que teña tamén na súa estrutura de acompañamento a gaita como un elemento indispensable, servindo así de contraste e comparación da nosa música coa doutras culturas e músicas afíns”, salientan desde a entidade cultural ferrolá, que tenerá manter esta liña.

As Xornadas da gaita do Ateneo volven a escena en homenaxe a Antón Varela

Te puede interesar