Xornada de roldas para cantar á muller na gran Noite das Pepitas

Xornada de roldas para cantar á muller na gran Noite das Pepitas
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-8b8a1154

As pezas máis tradicionais do cancioneiro popular ambientarán hoxe as rúas da cidade ferrolá con motivo da celebración da Noite das Pepitas. Con máis de 120 anos de historia e declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, a cita congregará ás rondallas Añoranzas, Bohemios, Sonidos del Alba, Club de Campo, Lucero del Alba, Rondalla Mugardesa, Rondalla e Cariño e Troyanos de Compostela.

O programa dará comezo ás 17.00 horas no teatro Jofre co acto institucional do Concello de Ferrol para, por unha banda,  conmemorar a irmandade co de Mondoñedo e por outra homenaxear ás madriñas das rondallas (Rosario Pose, Marifé Amor e Carmen Fernández, María del Carmen Prieto, María Isabel Luaces, María Ángela Aneiros, Julia Torres, Yasmina Pardo e Eulalia Vizoso), ao rondallistas recoñecidos nesta edición (Pablo Ameneiros e Francisco Regueiro) e á mención especial a Manuel Sánchez Hermida.

A actuación musical de Sonidos del Alba poñerá o colofón ao acto no teatro ferrolán, para o que xa se esgotaron todas as entradas.

Festival
A continuación, sobre as 18.00 horas, a actividade trasladarase ás rúas da cidade, coas roldas das agrupacións para cantar ás mulleres ferrolás.

Os percorridos de todas as rondallas concluirán na praza de Amboaxe, onde a partir das 20.00 horas terá lugar o Festival da Noite das Pepitas baixo unha carpa instalada para a ocasión.
O ambiente das Pepitas deixouse sentir xa estes días tanto en Ferrol como na comarca coa realización de varias actividades por parte das rondallas. En Neda, Lucero del Alba celebrou o sábado o cambio de madriña nun acto que incluíu varias actuacións.

A Rondalla Mugardesa, pola súa banda, actuou onte polas rúas da vila e tamén ao pé do balcón do Concello no acto de presentación da madriña. O martes volverán levar a súa música pola municipio nunha nova rolda.

Xornada de roldas para cantar á muller na gran Noite das Pepitas

Te puede interesar