Xabier Díaz e Adufeiras abrirán o 1 de xullo o Mes da Patria en Fene

Xabier Díaz e Adufeiras abrirán o 1 de xullo o Mes da Patria en Fene
Xabier Díaz e Adufeiras chegarán a Fene co seu terceiro álbum conxunto, “As catedrais silenciadas” | d.a.

Xullo chegará, un ano máis, cargado de propostas a Fene. O programa do Mes da Patria deseñado pola Concellería de Cultura para o mes de xullo, arredor da conemoración do día 25, dará comezo xa o día 1 co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, de xira co seu traballo “As catedrais silenciadas”. Será ás 21.00 horas no paseo marítimo de San Valentín.


O xoves día 7, na praza do alcalde Ramón José Souto (21.00 horas), Pepo Suevo encherá de risas o espazo co seu espectáculo “Humor Salvaxe”. Ao día seguinte, ás 18.00 horas no mesmo escenario, será a quenda para unha festa infantil e o martes 12 para o Festival de Habaneiras e Canto Coral (20.30 horas), coa participación da Rondalla Estrelecer do CMI Unidade de Fene; Coral Polifónica da SCRD Agarimo de Sillobre; Coral Polifónica da ACRD O Pote de Maniños e Rondalla Perla do Río do CCRD Perlío.


Ao día seguinte, ás 20.00 horas, haberá un pasacalles a cargo de Trópico de Grelos Afro e Axé Danza pola Avenida do Concello, Avenida de Naturais e Marqués de Figueroa.


O xoves 14, ás 21.00 horas, concerto de Blues do País e Sindicato da Verbena (21.00 horas) na praza José Ramón Souto González, onde o xoves 21 actuará, ás 21.00 horas, Ruxe-Ruxe co espectáculo Xira 2022 o o venres 22 Boyanca-Kostova (21.00 horas). O programa rematará o sábado 23 de xullo, ás 13.00 horas, no Parque Liñal do Río Cádavo (a carón do monumento Día da Patria Galega) coa lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega a cargo da escritora ferrolá Ánxela Loureiro.


Todas as actividades do ciclo “Xullo, mes da Patria” serán con entrada libre e de balde. A maior parte dos espectáculos enmarcados neste programa están organizados coa colaboración da Rede Cultural da Diputación da Coruña.

Xabier Díaz e Adufeiras abrirán o 1 de xullo o Mes da Patria en Fene

Te puede interesar