Xabier Díaz | “A cultura é importante como elemento de ocio pero tamén ten unha parte de formación humanística”

Xabier Díaz | “A cultura é importante como elemento de ocio pero tamén ten unha parte de formación humanística”
Alauda Teatro onte en Neda | D.a.

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre chegan esta noite a Ferrol (21.30 horas, Praza de Armas) para poñer o broche de ouro ao programa de festas de verán. Adufes, zanfonas e acordeóns acompañarán á voz do recoñecido músico nunha viaxe polos temas do último disco, “As catedrais silenciadas” e unha escolma dos dous anteriores traballos do exitoso proxecto, “The Tambourine Man” e “Noró”.

Que supón para vostede, polo estreito vínculo que ten con Ferrol, ser o encargado de pechar, xunto a Adufeiras, as Festas de Verán?
É tremendamente emocionante para min, porque eu crieime en Ferrolterra. Forma parte da miña xuventude e do momento no que empecei a ter contacto coa música tradicional. Hai outras alegrías compartidas pola xente da banda que residen aí, como son as irmás Gisela e Icía Sanmartín, Maite López e o acordeonista Roberto Grandal. Para el e elas vai ser un día especial e vou compartir a súa emoción. Estamos encantados de pechar o programa de Festas de Verán da cidade e reincidir na idea de que a cultura é segura.

Entradas esgotadas en Noia, no Festiletras, esta noite en Ferrol... Cal cre que é a chave do éxito deste proxecto?
Estamos encantados. Realmente, ter a sensación, case permanente, de que cando saen as entradas se esgotan moi pronto fai que nos sintamos moi felices. Tamén tremendamente responsables de que o que temos que enviar de volta é un espectáculo ben traballado e feito desde a máis absoluta profesionalidade e entrega. Non sei cal é a chave do éxito. Probablemente hai un grao importante de diferencia neste proxecto. É unha formación moi pouco estándar. Sempre provoca curiosidade esa presenza escénica das Adufeiras coa percusión de man e as súas voces. Non só en Galicia, senón fóra da península, en Europa. Se unimos este punto exótico ao grao de autoesixencia importante que nos impuxemos desde o principio, pois por aí poden ir os tiros.

Que salientaría do novo traballo “As Catedrais silenciadas”, o terceiro xunto ás Adufeiras?
Quizáis o perfeccionamento da fórmula entre as Adufeiras e os músicos. Tamén un grao de implicación alto de Gutier Álvarez no que son cordas frotadas. E, por suposto, de Pedro Pascual, que gravou básicamente os acordeóns. Eu diría que é un disco coproducido a tres partes. Por aí aparece algún alalá e algunha fórmula que non traballamos nos discos anteriores e que eu tiña ganas de afrontar dunha maneira máis crúa, sen demasiada participación coral, como é o tema que da nome ao disco.

Como afrontou o confinamento e como está a vivir a situación actual marcada pola Covid-19? 
Procurei ter unha certa disciplina: dedicar horas ao estudo, a tocar, a estar en contacto coa música unha gran parte do día… Tamén tiven a oportunidade de traballar nun par de proxectos. Un, en concreto, xunto con músicos de Escocia e outros de Galicia para a BBC Alba, unha canle da BBC que emite únicamente en gaélico-escocés. Foi moi bonito porque fixemos música todos xuntos desde a distancia, compartindo vídeos e audios. O outro proxecto ten que ver, dalgunha maneira, coa docencia. Unha serie de titoriais de pandeireta galega que verá a luz en breve. 

Que papel cre que xoga a cultura neste contexto?
A cultura é importante como elemento que forma parte do ocio da xente, pero tamén ten unha parte de formación humanística. Ao final nós estamos falando do cancioneiro popular galego, de música, de poetas de procedencia culta… A xente que vén aos nosos concertos e que consume cultura é tremendamente responsable, desde o meu punto de vista. É un público cauteloso que ten en conta todas as indicacións sanitarias que se lles están dando. 

Que lle diría aos que pensan que habería que suspender os programas de festas como o deseñado polo Concello de Ferrol?
A min dame a sensación de que o programa de festas é respectuoso coas medidas e protocolos sanitarios. É necesario que a xente entre en contacto coa cultura en xeral. Non sei cal é o problema de facer actividades culturais sempre que se realicen con total seguridade. Visto o programa de festas de Ferrol, non hai unha proposta que invite a saltarse os protocolos, todo o contrario. Hai unha proposta para que a xente estea  sentada nunha cadeira, cumprindo todas as normas, escoitando música e evadíndose, durante unhas horas, deste problema co que estamos convivindo. A xente necesita ver cine, escoitar música… e pódese facer en directo se se fai coa precaucion debida. Non todas as actividades que se facían ao aire libre eran igualmente controlables. Nós estamos demostrando que a música ao vivo é unha actividade que, feita con criterio e con sentido común, pode desenvolverse sen ningún tipo de problema. Por último, o que lles diría aos que pensan que se debería suspender o programa é que vaian a algúns dos concertos organizados polos concellos para, en primeira persoa, testar e decatarse de que se están facendo as cousas con un criterio impecable. E responsabilidade.

Xabier Díaz | “A cultura é importante como elemento de ocio pero tamén ten unha parte de formación humanística”

Te puede interesar