Villar Ponte e o segundo congreso agrario (CXX)

Villar Ponte e o segundo congreso agrario (CXX)
Diario de Ferrol-2018-12-09-007-8ea839d7

Como vimos, Villar Ponte defendíase do erro do diario vigués na súa columna de Galicia “Por si soy yo el colaborador de la ciudad herculina ‘colocado políticamente’”, aparecida o 10 de agosto de 1924. Malia que levaba razón no de que xa non era concelleiro -”El colaborador de GALICIA, no es concejal de la ciudad herculina”-, consciente ou inconscientemente, erraba na referencia ao tempo no tempo no que permanecera como edil. Reparemos en que dicía que “Lo fué unos días solamente. Pasó de modo tan fugaz y tan forzado por el municipio coruñés que ya se olvidaba de ese paso, de ese que nosotros reconocemos mal paso y del que nos hemos arrepentido a tiempo. Pudimos estar ‘bien colocados políticamente’, pero no lo estamos” ou “Y si unos días, unos pocos días, hemos sido concejales con un régimen al que nunca dimos trato de amigo [...] por un motivo noble, que reconocemos constituyó una equivocación lamentable, ha sido”.

Como xa quedou indicado non foron uns poucos días senón por volta de mes e medio. En calquera caso, a mediados de marzo, aínda que seguise asistindo aos plenos da corporación, non debía estar moi activo segundo creo que se pode deducir da nota “Honrando a los muertos / El acto del domingo”, aparecida en El Orzán, do martes 18 de marzo de 1924, na que o diario coruñés daba conta do transcurso da tradicional “procesión cívica” que desde o local do “Circo de Artesanos” se dirixira ao cemiterio “con objeto de depositar coronas y ramos de flores en las sepulturas de las personalidades gallegas fallecidas”. Precisaba, ademais, que foran á fronte da comitiva os señores Estrada Catoyra presidente do “Circo”, Zamora, pola “Hirmandade da Fala”, Casás, polo “Instituto de Estudios Gallegos”, Suárez Pumariega, concelleiro en representación do alcalde, Carré Aldao, pola “Real Academia Gallega”, Berguer, por “Cántigas da Terra” e Núñez Mosquera, polo orfeón “El Eco”. Non se nomea para nada a presenza de Villar Ponte, que tiña participado en anos anteriores nese tradicional acto cívico
Aos dous días -o diario non saía os luns-, o 12 de agosto, aparecía en El Pueblo Gallego o editorial “Los desencantados y los cuclillos”, a resposta á columna de Villar Ponte aparecida en Galicia. Nela facíase unha valoración positiva da figura de Villar Ponte, sobre todo para contrapoñela á doutros compañeiros de viaxe:

“Nos merece Antonio Villar Ponte este respeto y tiene bastante sinceridad su artículo ‘Por si soy yo’ para tratarle con aquellos miramientos que no otorgaríamos a los ‘matones de la tinta’, que han  creído inocentemente que el desdén era pavor”. A súa historia persoal impelía o editorialista “a esta hidalguía de trato”. Salvábao, ademais, a “franca declaración del desengaño”, ese que os d’El Pueblo Gallego non tiveran porque non aventuraran, a cegas, as ilusións. O autor do editorial manifestaba que acreditaba na ética política de Villar Ponte, que o consideraba un piñeiro, un forte piñeiro galego, e por iso non comprendía algunhas das súas actitudes de tibieza, para finalizar declarando que “No confundiremos nunca a Villar Ponte con ‘Roque Bufa’. Podremos estar vivaqueando en campamentos antagónicos. No obsta. Los soldados no se confunden nunca. Todas las meretrices se parecen”.

Fronte a iso apoñia que non poderían contestarlles coa mesma enteireza que Villar Ponte os que “han adscrito su vida política a la implantación inmediata de la Mancomunidad en Galicia, ni menos los que saltaron del dolmen galleguista a la secretaría de un Ayuntamiento rural, decapitando la rebeldía retórica en el arra de una nómina exigua”. As alusións a Risco e Losada Diéguez, por un lado, e a Cabanillas, polo outro, parecen evidentes.

O días 11, 12 e 13 de abril de 1924, poucos días despois da saída de Villar Ponte do Concello, tivo lugar na Coruña o Segundo Congreso Rexional Agrario, que foi aberto por Basilio Álvarez.

El Orzán, de 12 de abril de 1924, “Intereses gallegos / El segundo Congreso regional agrario”, daba cumprida conta do acontecido o día anterior na inaguración do citado Congreso, que, organizado pola Federación provincial da Coruña, tivera lugar no salón de actos do Palacio municipal, baixo a presidencia de Basilio Álvarez. A continuación reproducía a longa ringleira de asistentes, que representaban a 106 sociedades agrarias galegas, cuxos nomes foron lidos ao inicio da sesión. Acto seguido procedeuse á elección da mesa presidencial do congreso -foi elixido presidente o avogado pontevedrés García Temes- e decidiuse seguir o regulamento de funcionamento congresual aprobado no Congreso de Tui. Unha vez resoltos os temas organizativos procedeuse á designación das ponencias para estudar o Estatuto municipal, o problema dos foros e a constitución do partido agrario. Finalizada a sesión preparatoria Juan Rof Codina, inspector provincial de Hixiene, ditou unha conferencia sobre a conveniencia de intensificar a cría de ganado vacún e o establecemento dos matadoiros industriais e básculas nas feiras.
No tocante á designación das ponencias, El Pueblo Gallego, do mesmo día 12 de abril, “En La Coruña / Apertura del II Congreso Agrario”, informaba de que para formar parte da primeira das comisións, a que debía estudar a actuación agraria con relación ao novo Estatuto municipal, foran elixidos Alfonso de Cal, Antonio Villar Ponte, Narciso de Couto e Leandro Pita Romero.


No segundo día, os congresistas foron cumprimentar o alcalde coruñés e agradeceronlle as facilidades dadas para a celebración do Congreso. Instárono a que enviase un telegrama ao Directorio -cousa que aceptou- solicitando que deixase en suspenso a execución das sentencias ditadas para o cobro das rendas forais.


Xa na parte de sesións, presentouse a ponencia da Comisión ditaminadora na cuestión foral, que sería a doutrina que os representantes das Sociedades Agrarias defenderían na Asemblea que habería de se celebrar en Santiago. Segundo informaba El Ideal Gallego, de 13 de abril, “El Congreso agrario”, esta Comisión fixera súa unha proposición presentada polo viepresidente do Congreso, Alfonso de Cal, na que se acordaba solicitar do Goberno que ditase un Real decreto establecendo o dereito do retracto, en caso de venta, de colonos e arrendatarios.


El Orzán, de 15 de abril de 1924, “Intereses gallegos / El segundo Congreso regional agrario”, informaba de que o domingo 13 se celebrara, no salón de actos do Palacio Municipal coruñés, a clausura do II Congreso á que asistiran todos os asembleístas e moito público. Houbera 3 sesións, de mañá de tarde e de noite.


Na primeira discutírase e aprobárase a ponencia de foros. Mais tamén, segundo a información d’El Pueblo Gallego, no seu número de 15 de abril, “El Congreso Agrario de La Coruña”, o Congreso acordara convidar a Gerardo Abad Conde, Manuel (era Joaquín) Martín Martínez, Luis Peña Novo e Valeriano Villanueva para que pronunciasen os discursos de clausura da Asemblea Agraria, tendo en conta que, aínda non sendo congresistas, se distinguiran en todo momento polas súas vehementes campañas en defensa dos intereses do agro galego.


Na de tarde, que, segundo o cronista, “fué muy movida”, discutírase a constitución do partido agrario, do que se acabaron aprobando as bases. Pero ademais, como recollía a información d’El Pueblo Gallego que acabo de citar, deuse lectura á ponencia da Comisión nomeada para o estudo do Estatuto municipal, que propuxo que se deixase para máis adiante a fixación da posición dos agrarios perante o Estatuto, atendendo a que levaba moi pouco tempo en vigor. Non obstante, a ponencia propuña que se solicitase do Directorio militar a supresión das Deputacións provinciais e a creación da Deputación rexional única.


Xa na sesión nocturna, dicía o citado número d’El Orzán, procedérase ao nomeamento do comité executivo do partido agrario, que ía presidir Basilio Álvarez. Feito o nomeamento, o presidente eleito convidou a falar ás persoas convidades,especializadas nos asuntos que se debatiran, e fixeron uso da palabra Luís Peña Novo, que falou de agrarismo, e Joaquín Martín Martínez, que o fixo sobre o novo Estatuto municipal. Como recollía El Pueblo Gallego, os outros dous convidados, Villanueva e Abad Conde, non puideran acudir.


O acto rematou ás dúas da mañá con vivas a Galicia e a Basilio Álvarez.
Na mañá dese propio domingo día 13 de abril en que se clausuraba o Congreso Agrario tivera lugar a elección da nova dirección da Irmandade da Fala, que, como xa vimos nunha entrega anterior, pasou a ter como Conselleiro 1º a Manuel Lugrís Freire, feito do que, no solto “Irmandade da Fala”, informaba El Orzán, de 16 de abril.

Villar Ponte e o segundo congreso agrario (CXX)

Te puede interesar