• Domingo, 23 de Septiembre de 2018

A vila das Pontes retorna á epoca galaico-romana na Cita coa Historia

Baixo a organización da Asociación Cultural Lembranza da Vila coa colaboración do Concello, As Pontes retrocederá esta fin de semana no tempo para recrear o seu pasado histórico.

A vila das Pontes retorna á epoca galaico-romana na Cita coa Historia
Espectáculos e representacións na rúa para pequenos e maiores formarán parte do programa que comeza hoxe
Espectáculos e representacións na rúa para pequenos e maiores formarán parte do programa que comeza hoxe

Baixo a organización da Asociación Cultural Lembranza da Vila coa colaboración do Concello, As Pontes retrocederá esta fin de semana no tempo para recrear o seu pasado histórico. A quinta edición da Cita coa Historia dará comezo esta tarde, ás 17.00 horas, coa apertura do mercado, o campamento galaico-romano e a rúa dos oficios.
A partir dese momento arrancará tamén a animación polas rúas e os espectáculos previstos para esta primeira xornada, como unha recreación dos costumes galaico-romanos (18.30 horas), a proposta de rúa “O Fauno” (19.30 horas), o pregón a cargo de Antonio Lorenzo Cabarcos (20.30 horas), un pasarrúas cos Xotas (21.00 horas), danza con aves rapaces (21.30 horas) e o espectáculo “Laranda” coa compañía Arlequín (22.30).
Obxectivo
O obxectivo do evento, tal e como se informa desde a entidade organizadora, ten como obxectivo recuperar o pasado histórico da vila, buscando ao mesmo tempo a revalorización do espazo e de paso atraer máis xente ao municipio.
Á hora de configurar o programa apostouse ademais por un contido de carácter local, con representacións de lendas relativas á zona das Pontes e da comarca para que pequenos e maiores poidan achegarse e coñecer máis de preto o pasado da zona.
Dúas entidades de Lugo, presentes sempre no Arde Lucus, participarán na cita pontesa para desenvolver un campamento galaico-romano no que haberá, entre outras cousas e na xornada do sábado, obradoiros para os rapaces, como o de coiro previsto para mañá ás 11.00 horas, o de confección de colgantes de barro (12.00 horas) ou o de maquillaxe de época romana (17.30 horas). 
Ás 13.00 horas, na Praza da Igrexa haberá outra proposta infantil de cetrería.
Ao longo do día haberá tamén pasarrúas con Alfaia e cos Veraneantes, un concurso de caracterización, o espectáculo de rúa “A emperatriz e o seu séquito”.
A actividade de mañá sábado retomarase pola tarde, ás 17.00 horas, coa animación musical de Os Feroces da Galgueira e Tres por Catro. Espectáculos de cetrería e de loita de gladiadores formarán parte dunha axenda que para a noite, ás 22.00 horas, ten previsto o espectáculo “U-lo Grou”, de O Catre Teatro.
Ás 22.30 horas, e como colofón á xornada, celebrarase un concerto de música folk coa participación dos grupos TNT Tanto nos Ten, Pelepau e Ultraqans.
Domingo
Na última xornada do domingo haberá espazo para novas propostas, entre as que se inclúen un taller infantil sobre os desfiles dos romanos, outro sobre petroglifos e un concurso de caracterización con premios tanto para a categoría infantil e xuvenil e tamén para adultos. Ás 11.30 terá lugar a chegada das lexións romanas á vila e desfile militar.
Entre as actividades previstas para a tarde, inclúese ás 17.00 horas, a representación “Os trasnos do río Eume” a cargo Que máis ten teatro. l