domingo 17.11.2019

“Para a vida das palabras é máis importante que exista unha Semana da Poesía Salvaxe que unha Academia”

MANUEL RIVAS ESCRITOR

Baixo o título non tan misterioroso de “Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio”, Manuel Rivas regresa ao combate poético tralos seis anos transcorridos .

Rivas presentará o libro “Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio”      L.P.
Rivas presentará o libro “Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio” L.P.

Baixo o título non tan misterioroso de “Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio”, Manuel Rivas regresa ao combate poético tralos seis anos transcorridos desde a súa última achega, “A desaparición da neve”. Mañá estará recintándoos na Biblioteca Municipal da praza de España a partir das 19.30 horas. Faino dentro do taller poético que dirixe Karlotti, en certo sentido como premio de consolación por non poder ter estado (compromisos de última hora en San Jordi) na derradeira xornada da pasada Semana de Poesía Salvaxe, evento polo que sente unha indisimulada admiración. De poesía e actualidade social falamos.
 
Regresa a Ferrol e faino novamente coa súa última poesía.
Levaba seis anos sen editar pero non sen escribir. A poesía anda polos camiños e polas tabernas eu nunca deixei de atendela, é esa última bala que queda na recámara, esa carta na manga, a célula da literatura. Ando a rematar unha novela pero sempre necesito voltar á poesía, coronalo todo co loureiro da lírica. A Ferrol quixen voltar cando a semana da poesía salvaxe, pero un compromiso no San Jordi impediumo.

Mañá presentará o seu último traballo, “Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio”. Adiántenos algo deste novo libro.
O libro en si sairá en Xerais en verán, mañá o que farei será adiantar os seus poemas. O traballo ten un título exótico e irónico porque din que a alma foi pesada nunha báscula de Ohio e tiña 21 gramos. Eu recordo cando era neno nas tendas de barrio e aldea había unhas básculas que poñían Toledo-Ohio. A min, que non coñecía Ohio, aquilo recordábame ao cruceiro de Hío. Eran uns aparatos que pesaban cousas esenciais para a xente: o pan, o azucre, etc. e vexoo como un símbolo do esencial que é a poesía na vida.

Que temas e formas lle interesan nestre regreso?
Ademais do dito, formalmente ten un fio coindutor a base de haikais, precedente dos haikus xaponeses. Con eles falo da natureza insurxente, un paisaxe que é unha psicoxeografía. Unha natureza na que apenas está presente a voz humana, non hai unha posición dominante das persoas. É a natureza quen fala, como un murmurio e faino con ese falso silencio, esa presenza que está aí. E faino para contar o seu drama. Por último, a parte final é “Oracións fúnebres”, poemas adicados a xentes que para min son heroes anónimos e que representan loitas esenciais. Aí están Elisa e Marcela, dúas mulleres que casaron na Coruña a comezos do século XX; Ánxel Vila, o patrón do Xurelo, o barco que nos levou á fosa Atlántica onde deixaban os residuos das centrais nucleares europeas; ou o crego Manuel Espiña, ao que poño en diálogo cun Deus moi humano, pequeno, coxo e con fame... Dalgún xeito é unha continuación do meu anterior libro “Mohicania” co que pecho un círculo ou máis ben fago unha especie de espiral.

En principio vén a Ferrol agora porque non puido facelo en abril á Semana da Poesía Salvaxe. Que opina desta iniciativa e dos atrancos institucionais aos seu funcionamento?
Iniciativas como a Semana da Poesía Salvaxe son as que manteñen o ecosistema literario. Son a primeira natureza da literatura e a que derrota a esas voces parvas que din que a literatura, e xa non digamos a galega, e en xeral a cultura, existen por estares subvencionada. Este e outros véxoos como espazos de resistencia e re-existencia, lugares de liberdade. Hai un termo mariñeiro axeitado, o almeiro, os lugares onde se xunta a vida, a cardume, a vida. O almeiro ademais remite a alma. Por contra está a “marca do medo”, un lugar sen peixes, esquilmado... A semana de Poesía Salvaxe e outras iniciativas así son un almeiro. Se non existisen o demais sería un gran museo de fósiles. Sendo académico, e aínda que en modo algún é contraditorio e operan en diferentes dimensións, para a vida das palabras é máis importante que existan iniciativas do tipo da Semana da Poesía Salvaxe que exista unha Academia. Estou a falar dunha iniciativa “excéntrica”, fóra do centro do poder, da palabra oficial, do discurso, da base da literatura. Estou a falar de cando hai un incendio o primeiro en agromar son esas plantas silvestres que brotan a partir do polen ou da semente que transportan os paxaros. Necesitamos iso.

Vostede implicouse activamente na Marea Atlántica que vai gobernar na Coruña. Como analiza o sucedido en xeral nas eleccións do pasado día 24?
Joseph Roth, un escritor da Galitzia austrohúngara (hoxe entre Polonia e Ucraína) falaba de “países en lento afundimento”, aqueles nos que se vive unha sensación de declive no ambiente. Aquí produciuse algo como a herba que brota nos tellados, apareceu ese outro país que é un almeiro creativo, que ama a súa identidade, a festa e a liberdade que agromou milagrosamente. No fondo hai unha sensación de que todo o mundo está contento, mesmo os que perderon. Ata a Xunta, acostumada a gobernar desfacendo, que semella que só ten éxito cando a critican porque así se demostra que existe, do contrario ninguén se enteraría do desaparecida que está. Parece que nos pobos hai unha intelixencia poética que impide o seu afundimento. Ante a insuficiencia repiratoria e a falta de osíxeno hai depósitos de esperanza que levedan como o pan, como o berro de vitalidade dun pobo. A min paréceme moi interesante porque ademais significa a reivindicación da xente nova que tan azoutada está a ser pola situación actual.

Comentarios