A vacinación da gripe en menores de cinco anos non chega ao 30%

A vacinación da gripe en menores de cinco anos non chega ao 30%
A vacinación aos nenos e nenas máis pequenas permite protexelos a eles e aos familiares de maior idade | ep-j.corchero

A campaña de vacinación contra a gripe de este ano introduciu como grupo diana, por primeira vez, aos nenos de 5 a 59 meses. Era unha forma de protexer aos menores de cinco anos e, ao mesmo tempo, de frear a transmisión que se dá nos fogares desde os pequenos ata a poboación maior. Ata o de agora, nas primeiras catro semanas, na Área Sanitaria de Ferrol vacináronse 1.167 persoas deste grupo de idade, o que supón un 28,56% de cobertura.


En Galicia, esta porcentaxe é dun 26,8%, o que levou á consellería a realizar esta fin de semana unha experiencia piloto na Área Sanitaria de Santiago e O Barbanza, citando por SMS a máis de 3.000 rapaces dos centros de saúde da zona para que acudan ao hospital na fin de semana e así, en poucos días, tentar incrementar a cobertura entre os máis novos. Trátase tamén de chegar a niveis altos de protección canto antes, tendo en conta que a presenza da gripe adiantouse este ano.


Na actualidade, e segundo os sistemas de vixiancia do Sergas, a gripe está nun momento de intensidade baixa e cunha tendencia estable.


A vacinación entre as persoas maiores, as máis vulnerables, ten datos diferentes á dos nenos. Na Área Sanitaria de Ferrol xa se vacinaron 44.012 persoas de máis de 60 anos, un 66,04% do total desa idade. En Galicia o dato é do 64,85%. A esta boa situación a comezos de novembro contribuiu o feito de que se ofreceu a vacina ao mesmo tempo que o reforzo contra o covid, polo que no mesmo momento puidose optar por recibir as dúas.


Na actualidade, desde este luns, a campaña está xa aberta a toda a poboación diana, que inclúe a maiores de 60 anos; a residentes en institucións pechadas; mulleres embarazadas e puérperas ata seis meses despois do parto; nenos e nenas de 6 a 59 meses, nenos e adolescentes –de seis meses a 18 anos– con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico; pacientes con patoloxías de risco; profesionais ou estudantes en prácticas de centros, servizos e establecementos sanitarios; persoas que traballan en institucións xeriátricas ou en centros de atención a enfermos crónicos; coidadores a domicilio de persoas maiores ou pacientes de risco; conviventes (incluídos nenos) con vulnerables; persoal de oficinas de farmacia; persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade; e traballadores expostos directamente ás aves domésticas ou aos porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas, e tamén ás aves silvestres.

 

 

Coronavirus


A situación da pandemia continúa estable, con 143 casos activos nas tres comarcas (15 menos que o día anterior) e 14 persoas ingresadas (tres menos que na xornada previa), dúas delas na Unidade de Coidados Intensivos.


Porén, o Sergas informou do falecemento con coronarivus, na Área Sanitaria de Ferrol, o pasado luns, dunha muller de 92 anos. É a quinta vítima mortal no que levamos de outono, logo de tres meses sen falecementos. 

A vacinación da gripe en menores de cinco anos non chega ao 30%

Te puede interesar