A ubicación da futura residencia de maiores volverá discutirse no pleno ferrolán

A ubicación da futura residencia de maiores volverá discutirse no pleno ferrolán
O voceiro do BNG e os representantes veciñais de Santa Icía | j.m.

A ubicación da nova residencia de maiores de Ferrol volverá ser motivo de discusión no pleno mediante unha moción do BNG que conta co respaldo dos veciños de Santa Icía. A formación defende que esta infraestrutura –impulsada pola Xunta, sufragada pola Fundación Amancio Ortega e con seis xemelgas noutras tantas cidades galegas– se constrúa na ubicación que estaba orixinalmente prevista, no Boial. Iso é o que quere tamén a entidade veciñal de Santa Icía, que a considera un elemento de dinamización da zona e lembra que no seu día se fixera un informe que concluíra que era a ubicación idónea.

O actual goberno socialista, ao pouco de tomar posesión, acordou coa Xunta cambiar a residencia de sitio e ubicala no Bertón. Para iso había que cambiar os usos dunha parcela municipal, pero ese trámite fracasou no pleno porque o Partido Popular opúxose ao traslado e Ferrol en Común e o BNG abstivéronse na votación por ser contrarios a un modelo non público.

O voceiro do BNG, Iván Rivas, compareceu onte con representantes da asociación veciñal de Santa Icía para presentar unha moción coa que pide á corporación que lle demande á Xunta de Galicia “a execución inmediata do convenio para a construcción da residencia de maiores no Boial”. Considera Rivas que se Ferrol aínda non ten esta infraestrutura é pola “neglixencia tanto do goberno local como da Xunta”  e aclara que “debe quedar claro que a súa ubicación é Santa Icía”. “Se realmente hai un compromiso cos veciños e veciñas da zona rural, pasa por atender as súas demandas”.

Os representantes veciñais interviñeron no pleno de outubro de 2019 no que se tratou a cuestión e onte lembraron os seus argumentos. Insistiron na idoneidade da parcela, rexeitaron que se trate dunha zona aillada e apelaron ás promesas feitas no seu día. “En vez de ter unha parcela sen limpar, mellor ter un edificio que preste servizo á cidade”, dixo o seu presidente, José Mosquera.

A ubicación da futura residencia de maiores volverá discutirse no pleno ferrolán

Te puede interesar