Unha trintena de postos daranse cita na “XIX Feira do Mel” de Narón

Unha trintena de postos daranse cita na “XIX Feira do Mel” de Narón
Feira do trece , feira do Mel

A “XIX Feira do Mel e sector primario afín” de Narón reunirá este domingo no recinto feiral do Trece, en Sedes, a unha trintena de postos. O Concello de Narón organiza un ano máis un encontro que se desenvolverá en horario de mañá e tarde con múltiples propostas dirixidas a públicos de diferentes idades.

Da totalidade dos expositores presentes, quince serán de mel. Xunto a estes, permanecerán instalados na zona outros nos que se poderán adquririr produtos da horta, embutidos, artigos de traballo apícola, conservas e tamén un espazo reservado para a Confraría de Barallobre e unha zona infantil para realizar obradoiros.

Así o indicou onte o concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, na presentación dunha feira que abrirá as súas portas ás once de mañá.

Obradoiros
Ás 12.00 horas darán comezo dous obradoiros dirixidos a nenos e nenas. Un será sobre maquillaxe de fantasía e o outro sobre elaboración de candeas con cera. Este último será ofrecido por persoal da Casa do Mel de Goente, de As Pontes, e prolongarase desde as 12.00 ata as 19.00 horas, cunha pausa ao mediodía.

No programa do domingo haberá tamén un espazo reservado á gastronomía, cun “showcooking” e degustación final a cargo da empresa Pata Celta. No decurso do mesmo realizaranse diferentes elaboracións a base de porco celta e mel local, segundo salientou o concelleiro.

Entre as 14.00 e as 16.00 horas, o recinto permanecerá pechado para a partir desa hora continuar as actividades cunha actuación musical a cargo do dúo de violín e violonchelo “The Duellist”, que interpretará temas de música de cámara e bandas sonoras.

A partir das 18.00 horas terá lugar un relatorio técnico no que Xosé Manuel Durán Orús, licenciado en Ciencias Químicas pola USC e presidente da Asociación MENA para o fomento da bioapicultura, falará ante o público sobre “Bioapicultura: unha apicultura sen tratamentos”. 

A última das propostas do programa está prevista para as 19.00 horas e consistirá nunha minicata de mel, tamén a cargo de persoal da Casa do Mel de Goente. Poderán participar todas as persoas que o desexen. A través desta actividade terán oportunidade de coñecer da man de profesionais como se distinguen as propiedades do mel, diferenciando as de produción industrial das artesáns e tamén o produto monofloral e multifloral. A feira concluirá ás oito da tarde.

“Esperamos contar coa presenza de veciños e veciñas de Narón e doutros concellos para formar parte deste evento que celebraremos un ano máis na parroquia de Sedes”, manifestou Galego.

Unha trintena de postos daranse cita na “XIX Feira do Mel” de Narón

Te puede interesar