O transporte urbano será gratuíto en Ferrol o martes 22 para celebrar o Día sen Coches

O transporte urbano será gratuíto en Ferrol o martes 22 para celebrar o Día sen Coches
Bus Urbano Ferrol

O Concello de Ferrol centrará no martes 22 os actos da Semana Europea da Mobilidade. Nesa data, Día sen Coches, o transporte urbano será gratuíto e, ademais, pecharase ao tráfico rodado o barrio da Madalena. A maiores, desde onte e do 17 ao 22 lévanse a cabo actividades na Aula de Ecoloxía Urbana para facer aos cidadáns conscientes dos seus desprazamentos habituais e de como poder facelos sen empregar medios contaminantes.

O concelleiro responsable de Mobilidade, Julián Reina, subliñou a importancia de usar transporte sostible, tendo en conta os prexuízos para a saúde e para o medio ambiente que ten o emprego intensivo do vehículo privado en ámbitos urbanos. A proposta do 22 quere “fomentar o uso do transporte público como alternativa” e insistir “nas consecuencias negativas do uso irracional do coche na cidade”.

No tocante ás actividades na Aula de Ecoloxía Urbana, trátase de elaborar planos personalizados a raíz da experiencia de cada participante e, a partir dos desprazamentos habituais, calcular a distancia entre eles e o tempo que se tardaría en facelos a pé. O obxectivo é o de concienciar á poboación sobre os beneficios de moverse deste xeito, “ao tempo que se lles mostra que a maior parte dos percorridos diarios son curtos e é factible realizalos camiñando”.

As persoas interesadas en participar poden chamar ao número 981 944 222. Haberá horario matinal (de 11.00 a 12.30 horas) e vespertino (de 15.30 a 18.00).

Na Aula de Ecoloxía Urbana tamén se gravará un vídeo divulgativo sobre a mobilidade urbana sostible que se divulgará a partir do vindeiro sábado.

Reordenación

Reina explica que o goberno local ten a vontade de “reordenar o tráfico rodado no centro da cidade e intentar dar prioridade aos péons, respectando o medio ambiente”.

Nesa liña, puso como exemplo o corte ao tráfico regular dos tramos das rúas Terra e Rubalcava nos laterais da praza de Armas. Estiveron pechados durante as obras e xa non se reabriron.

Insuficiente para FeC

Ferrol en Común ironizou nas súas redes sociais sobre a escaseza de actividades para a Semana da Mobilidade. Din que os planos-minuto que se usan na Aula de Ecoloxía Urbana xa existían, que a peonalización do entorno de Armas é unha realidade desde hai tempo e que os actos consisten nun día sen coches.

“E xa estaría. Esta é a gran semana da mobilidade que fai un ano prometía Ángel Mato cando descartou celebrala no 2019”. l

O transporte urbano será gratuíto en Ferrol o martes 22 para celebrar o Día sen Coches

Te puede interesar