O Toxos e Froles homenaxea a Fernando Dopico no Festival Outras Músicas Tradicionais

O Toxos e Froles homenaxea a Fernando Dopico no Festival Outras Músicas Tradicionais
O presidente do coro, onte na sede da rúa Magdalena | d. alexandre

A primeira edición do Festival Outras Músicas Tradicionais renderá homenaxe mañá sábado –20.00 horas, Auditorio de Ferrol– ao gaiteiro e percusionista ferrolán Fernando Dopico, unha referencia para varias xeracións de músicos que optaron por coller o camiño da música de raíz.


O Toxos e Froles organiza un evento que contará, ademais da súa propia actuación, coa participación de dúas das bandas nas que Dopico deixou pegada, a de Xinzo de Limia e a asturiana de Candás. As entradas, que son de balde, poden retirarse na billeteira do Teatro Jofre hoxe ou na do Auditorio mañá.


O tributo é consecuencia da concesión do Toxo de Ouro ao protagonista, que iniciou a súa traxectoria a mediados dos anos 70, hai case cinco décadas. “Tiñamos pensado facer un festival que escapara un pouco do que facemos normalmente na cita do aniversario”, explica o presidente do Toxos, Arturo Lamas. Así, pensaron en agrupacións que mantivesen fortes vínculos con el. “É director da escola municipal de gaitas e tambores do Concello de Xinzo desde o ano 98 até hoxe e antes dirixira a banda. Ademais, estivo á fronte da de Candás entre 2001 e 2004, converténdose dese xeito no primeiro galego en dirixir unha formación asturiana”, lembra.


Méritos


Para Lamas, os méritos de Fernando Dopico para recibir esta homenaxe son inabordables, comezando polo propio Toxos, aínda que xa con anterioridade pasara polo quinteto Retrincos ou os scouts do Grupo19, ademais de colaborar con Terra Meiga e Donas e Galáns, entre outras agrupacións. “Entrou no Toxos en 1992 para se facer cargo da escola de instrumentos tradicionais”, sinala Lamas, “puxo en marcha o grupo instrumental, fixo a primeira banda de gaitas Terra de Trasancos, publicou o primeiro libro sobre o gaiteiro-fundador Manuel Lorenzo, organizou un congreso de música tradicional... A súa etapa de seis anos foi moi intensa e aí empezou o seu labor como mestre de gaita e tambor que despois levou a Xinzo, Celanova ou Candás”. Ademais, engade o presidente do Toxos, “deu clase en moitos lugares de España, Europa ou América, nos centros galegos”, pero, aínda así, “o que eu destacaría por riba de todo é ese labor de ensinanza que leva facendo desde 1992 de maneira ininterrompida”, conclúe. 

 

 

Arturo Lamas | “Hoxe en día hai moitísima calidade na música tradicional que se fai”

O presidente do Real Coro Toxos e Froles destaca o bo momento que atravesa a música tradicional e a súa capacidade para alcanzar tanta proxección social con grupos que non dubidan en reinterpretar os seus códigos.

 

 

A música tradicional ten agora máis interese para as novas xeracións? Vive un bo momento?


Podo poñer o exemplo das nosas escolas de música e baile tradicional, que presentamos este mércores. No seu momento custáranos moitísimo poñer en marcha as escolas e durante tres ou catro anos estivo vindo moi pouquiña xente. Pero tamén é certo que esa pouca xente que participaba despois nas actuacións do coro sempre atraía outra. Pois ben: o mércores presentamos as escolas e agora mesmo hai 240 persoas apuntadas, desde os tres anos ata adultos. O número máis alto é o da escola de pandeiretas. Loxicamente inflúen as modas e o éxito de diferentes proxectos que chegan a máis xente. Por exemplo, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre ou Tanxugueiras teñen moita repercusión e o feito de saír nos medios tamén anima á xente.


Está superado o corsé no que durante moitos anos se quixo meter á música tradicional?


Creo que o máis axeitado é falar de diferentes maneiras de representar esa música tradicional. Nós sempre vestimos o traxe tradicional, pero moitas das novas formacións xa non o visten, é dicir, falamos doutra maneira de representala, e iso conleva que chega a máis xente. Hoxe en día, quen vai por esa vía ten moitísima calidade, tanto tocando os instrumentos como cantando, e coido que todo iso repercute na calidade da música tradicional. Son auténticos profesionais, a diferenza de nós, que somos agrupacións amateur. Con todo, hai que lembrar que moita xente que está hoxe triunfando por aí sae de agrupacións como a nosa. Por exemplo, con Xabier Díaz está tocando un acordeonista que tocou con nós o tambor; outra das Adufeiras é a nosa mestra de cantareiras desde antes de cantar co propio Xabier Díaz. E as Tanxugueiras tamén saíron dunha agrupación folklórica de Santiago... Aprenden aí, logo danlle unha volta, reinterprétana e conseguen achegar esa música tradicional e popular á xente, e eu creo que iso é marabilloso. 

O Toxos e Froles homenaxea a Fernando Dopico no Festival Outras Músicas Tradicionais

Te puede interesar