Un total de 2.165 docentes da comarca poderán elixir mañá aos seus delegados sindicais

Un total de 2.165 docentes da comarca poderán elixir mañá aos seus delegados sindicais
Manifestación en contra de la LOMCE

Os docentes do ensino público galego non universitario terán a posibilidade de elixir mañá xoves aos seus representantes sindicais nas xuntas provinciais. Na comarca de Ferrol poderán exercer o seu voto un total de 2.165 profesionais, 102 menos que hai catro anos –entón o censo situábase en 2.277–. Haberá 65 mesas electorais, dúas menos que en 2010 ao se eliminar as dos CEIPs A Laxe de Valón e San Ramón de Moeche –que non chegan ás seis unidades necesarias para ter mesa propia–.
O horario das votacións será desde as 11.00 ata as 14.30 horas e de 16.30 a 18.30 horas. Na comunidade galega serán elixidos 140 delegados, dos que 45 corresponden á provincia da Coruña.
Na actualidade, a CIG Ensino ten a representación do 43% no conxunto de Galicia, elevándose ata o 47% na provincia da Coruña –na comarca de Ferrol sitúase no 42,86%–. A central nacionalista encara a cita de mañá co obxectivo, cando menos, de revalidar os bos resultados de hai catro anos –con 23 delegados na provincia da Coruña, dos que seis pertencen á comarca de Ferrol–. Apostan por acadar outro modelo de representación “máis democrático e participativo” e aseguran a súa intención de continuar na loita contra a Lomce “até conseguir a súa derogación”. Combater o desmantelamento do ensino público e acadar a restitución de todos “os dereitos laborais, salariais e profesionais” do profesorado son outras das súas liñas de acción. Así o salientaban hai unhas semanas membros do sindicato na presentación da candidatura da comarca de Ferrol a estas eleccións –47 persoas das 186 que presentan pola circunscripción da Coruña–.

ccoo
A segunda central en representación na xunta provincial do persoal docente é Comisións Obreiras, cun total de 9 delegados –dous deles da comarca de Ferrol–. A recuperación dos salarios, a dotación do persoal de apoio necesario para atender as todas necesidades existentes, a redución da xornada lectiva e das ratios en todos os niveis educativos, ou a derrogación da Lomce son só algunhas das súas esixencias para frear os ataques que nos últimos anos está a sufrir o ensino público.
UGT, con cinco representantes na actualidade a nivel provincial, dous da sede comarcal, agarda manter os resultados das últimas eleccións para, según din, seguir loitando contra uns recortes que están afectando ao ensino público en xeral, incrementándose o traballo do profesorado ao tempo que diminúen as súas retribucións e se incrementa tamén a burocracia á que ten que facer fronte.
Con outros cinco delegados saldou as eleccións de 2010 o Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG), entre os que se inclúe un delegado da comarca de Ferrol, que tentará agora incrementar a súa representación.
Todos fan un chamamento á participación na xornada electoral de mañá, na que se decidirán os nomes das persoas que nos vindeiros catro anos terán como cometido loitar polas mellores condicións do colectivo docente dun ensino público inmerso nos últimos anos en numerosos actos de protesta en contra das actuais políticas.

Un total de 2.165 docentes da comarca poderán elixir mañá aos seus delegados sindicais

Te puede interesar