O tecido cultural ferrolán festexa as Letras Galegas para Carvalho Calero

O tecido cultural ferrolán festexa as Letras Galegas para Carvalho Calero
casa natal Carvalho Calero Ferrol Vello

A designación do ferrolán Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020 continúa a provocar reaccións de satisfacción entre o tecido cultural da cidade. Desde distintos posicionamentos, as entidades culturais e sociais saúdan unha decisión que chega 29 anos despois da súa morte e que se demorou pola asunción do profesor e investigador ferrolán dunha postura lingüística reintegracionista.

Artabria
A Fundación Artabria lembra nun comunicado que foron eles quen xa en 2007 empezaron a campaña para que se lle recoñecese co Día das Letras en 2009. A negativa entón e en sucesivos intentos doutras entidades do país levaron á Fundación a “dedicar as súas enerxías a outras tarefas, evitando entregar á RAG unha centralidade que non merecía e que o proio Carvalho tiña cuestionado en vida”.

Para Artabria o recoñecemento chega con vinte años de retraso posto que aos dez da súa morte xa se lle podía ter feito esta homenaxe. “Non temos nada que agradecer á Real Academia”, afirman. De feito cren que esta tardanza é unha “vergoña” para esta institución e que a negación da “homenaxe debida” a Carvalho fíxose “polo simple feito de ser reintegracionista: defensor consecuente da unidade lingüística galego-luso-brasileira”.


Apostan desde a entidade cultural pola colaboración “con todo o movemento normalizador de base existente no noso país, sen exclusións, e dando continuidade ao que foi un doso nosos obxectivos fundacionais desde os inicios da década dos 90 do século pasado até o presente: a defensa do legado intelectual de Ricardo Carvalho Calero”.

Ligando
O partido político Ligando tamén se suma á ledicia da adxudicación a Carvalho Calero do Día das Letras Galegas. “Este feito vai permitir colocar a figura do escritor no lugar que se merece”. Tamén achacan a “prexuízos ideolóxicos” que non se tivera feito antes. Queren que isto sirva para “abrir un debate cultural e social sobre o reintegracionismo como escolla válida á hora de escribir o galego” e apostan polo binormativismo (convivencia das dúas normas ortográficas).


Animan aos afiliados do BNG e a “organizacións da súa entorna” a que “defendan a normalización do uso da variante reintegracionista" e que así “presionen ás súas direccións na liña de avanzar no recoñecemento do binormativismo como a mellor opción de defender o uso normalizado e a supervivencia do galego”.

Fuco Buxán
A asociación Fuco Buxán súmase ás felicitacións e lembra que "non son chegados os tempos da infrutuosa polémica senón de alborozo compartido".


Apuntan que "por fin se fixo xustiza ao mestre, ao estudoso, ao académico, ao político, ao republicano fiel, ao invicto loitador pola nosa cultura e historia". Din “ser galego, hoxe, ten moito que ver coa súa memoria”.

O tecido cultural ferrolán festexa as Letras Galegas para Carvalho Calero

Te puede interesar