Teatro do Antroido trae a Narón o mundo feminino de Vidal Bolaño

Teatro do Antroido trae a Narón o mundo feminino de Vidal Bolaño
a actriz laura ponte, na imaxe, regresa coa compañía seminal do teatro profesional galego

Trala súa estrea o pasado venres, hoxe ás 20.30 horas o café teatro do Pazo da Cultura de Narón acolle a segunda representación de “BailadELAS”, o espectáculo que ve renacer a compañía Teatro Antroido de Vidal Bolaño. Baixo a dirección escénica de Xavier Estévez, Laura Ponte asume a interpretación en solitario desta obra, unha escolma escrita por Roi Vidal a partir das personaxes femininas de cinco obras representativas da creación teatral de Vidal Bolaño: “Laudamuco, señor de ningures”, “Saxo tenor”, “Rastros”, “Criaturas” e “Bailadela da morte ditosa”.
A proposta debulla as liñas mestras que caracterizan os personaxes femininos do autor compostelán e demostra ata que punto a muller atopa no conxunto da súa produción dramática un papel en sintonía coa exaltación da dignidade e coa loita pola liberdade como temáticas recorrentes do universo bolañano.

abano de ideas
O espectáculo articúlase arredor de diferentes monólogos, presentados e ensamblados entre si por un personaxe central –inspirado en “Sen ir máis lonxe”, outro dos textos do dramaturgo– a través da conversa sobre o ben e o mal, o xusto e o inxusto, que mantén cun interlocutor mudo. Tamén o resto das mulleres da montaxe achéganlle ao espectador un gran abano de liñas argumentais presentes na obra de Vidal Bolaño: o poder liberador da revolución diante do servilismo, a xente sen esperanza, a afouteza ante metas utópicas, o amor e o desamor, a soidade ou a crítica retranqueira.

Teatro do Antroido trae a Narón o mundo feminino de Vidal Bolaño

Te puede interesar