miércoles 21.08.2019

O taller de creación escénica anticipa a programación da Mostra de Teatro Galego

O groso da cuadraxésima primeira edición desenvolverase entre os días 16 e 22 de agosto
Os participantes na actividade están dirixidos por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre | CEDIDA
Os participantes na actividade están dirixidos por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre | CEDIDA

Máis dunha ducia de afeccionados comezaron onte no auditorio municipal de Cariño o obradoiro de creación escénica impartido pola compañía Ibuprofeno Teatro e que supón o pistoletazo de saída da Mostra de Teatro Galego de Cariño, decana de Galicia e un dos eventos culturais máis senlleiros da comarca.


Santiago Cortegoso e Marián Bañobre conduciron esta primeira sesión do taller, que terá continuidade hoxe e se prolongará até mañá. As persoas asistentes, todas maiores de 16 anos, puideron coñecer os mecanismos dun proxecto dramatúrxico no que, tal e como sinalan desde a organización, o texto “non existe previamente á posta en escena”. “A escrita”, engaden, “é un elemento máis, como o son, a concepción do espazo escénico e do vestiario, a música, a luz etc”.


Este método, polo tanto, ten como punto de partida a premisa de que “as actrices e os actores son os verdadeiros creadores. Deixan de ser intérpretes de textos e ideas alleas para se situar no verdadeiro lugar que lles corresponde: o centro do feito teatral”.

A escena
Após o obradoiro, e coa paréntese do xoves, chega a cerna da cuadraxésima edición da Mostra coas primeiras representacións. Desta volta, a encargada de inaugurar o evento é o dúo Barafunda Animación, que, co seu espectáculo “Percebes de Ortegal”, percorrerá diversas rúas e espazos do concello, incluídas as praias, co obxectivo de animar á xente a participar de xeito activo nas diferentes actividades propostas ao longo dos vindeiros días.


A presentación oficial da Mostra de Teatro Galego terá lugar no Parque do Concello e nela, e tralas intervencións de representantes da organización e institucionais, procederase á entrega do Premio do Público da edición do ano pasado.

Os actos do venres completaranse co espectáculo “Quimera”, de Pablo Méndez, na Praza do Concello, a partir das 21.00 horas e con entrada de balde. Tatiana Fontenla, Iván Couso, Fátima Carbia, Iván Burgos, Caroline Ramil, Felipe Catalán e Alejandra Balboa integran o elenco dun espectáctulo dunha hora de duración no que a linguaxe visual e acrobática expresadas contribúen a aprofundar nunha visión máxica da natureza”.

Peche e novidades
As actuacións proseguirán todos os días até o xoves 22 de agosto, coas representacións de “A nena e o grilo” de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, e “A compañeira de piso”, a cargo da compañía Contraproducións, que será a encargada de pechar unha nova edición da mostra de teatro decana de Galicia.

As persoas interesadas en consultar toda a programación do evento poden facelo visitando a páxina web www.mostrateatrocarino.gal. Alí tamén poderán coñecer as novidades desta edición, entre as que se atopa a posibilidade de que o público asistente ás funcións de noite poida escoller o mellor espectáculo da Mostra de Teatro de Cariño. Coa entrada de cada espectáculo, o público recibirá unha papeleta de puntuación.


Para acudir ás pezas da Mostra Infantil deberá aboarse un euro; 5 para as da noite e, se se opta polo bono -que permite a entrada a todas as funcións de noite- 20 euros. Pódense adquirir até mañá mércores nas oficinas do Concello (Avenida da Paz, 2) entre as 9 e as 14 horas.

Comentarios