Só cinco concellos da zona forman parte do Pacto dos Alcaldes sobre o Clima

Só cinco concellos da zona forman parte do Pacto dos Alcaldes sobre o Clima
Manifestación contra o cambio climático celebrada en Ferrol o pasado 27 de setembro | jorge meis

Máis da metade dos concellos de Galicia forman parte xa do Pacto dos Alcaldes sobre o Clima e a Enerxía, un acordo de ámbito europeo que arrancou en 2008 desde a Comisión e que na actualidade suma esforzos con iniciativas semellantes en todo o mundo. A redución das concentracións dos gases de efecto invernadoiro na atmosfera e a anticipación aos efectos do cambio climático están na base desta proposta, á quese adheriron 169 municipios da Comunidade, cubrindo unha poboación de 1.558.375 persoas (un 58% do total). Neste mapa hai un grande oco nas tres comarcas de Ferrolterra. Dos vinte concellos, só cinco cumprimentaron os requisitos para formar parte desta plataforma. Son Ferrol, Narón, Fene, Cabanas e Mañón. En total, e segundo o padrón máis recente, 122.726 habitantes, o que en termos brutos si que supón unha cifra importante, posto que abrangue ao 65% de toda a poboación de Ferrol, Eume e Ortegal (que son 188.832 persoas).

Estes cinco municipios sumáronse ao pacto en 2019, logo de pasar o trámite plenario. Isto implica asumir un manifesto no que se comparte “a visión dun futuro sustentable” e para iso “estamos dispostos a tomar medidas concretas que, a longo prazo, garantan un ámbito estable desde o punto de vista económico, social e ambiental para as xeracións actuais e futuras”.

Os alcaldes (os municipios) que asinan este documento comparten un obxectivo para 2050 que implica territorios sen carbono, máis preparados para os cambios inevitables que provocará o cambio climático e cun “acceso universal a uns servizos enerxéticos seguros, sustentables e accesibles para todos, co fin de mellorar a calidade de vida e de incrementar a seguridade enerxética”.

O acordo implica o compromiso local de reducir os gases de efecto invernadoiro nun 40% ata o ano 2030

E para iso comprométense a reducir as emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro polo menos nun 40% ata o ano 2030, “en particular, a través da mellora da eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables”.

 

Plan de Acción

Isto farase en diversas etapas. A primeira delas consiste en avaliar a situación e identificar as prioridades nun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (Paces) que debe realizarse no prazo de dous anos desde que se asina o compromiso. Despois actualizarase a situación con avaliacións cada dous anos ata chegar á data límite. Para empezar hai que detectar as fontes principais de emisións e o seu potencial de redución, cales son os riscos e vulnerabilidades climáticas e os seus retos asociados.

Hai dúas liñas de traballo: a da mitigación das emisións e a da adaptación ás consecuencias da crise climática. Neste campo, hai proxeccións respecto da suba do nivel do mar que implicarían a desaparición baixo a auga dunha porcentaxe dos municipios costeiros. Ferrol sería unha das localidades afectadas.

Ferrol consegue unha subvención provincial para a redacción da avaliación e do  plan de medidas

O Concello de Ferrol empregará unha subvención provincial para a realización de actividades en materia de medio ambiente para a elaboración do estudo de mitigación e adaptación ao cambio climático dentro do Pacto dos Alcaldes. Son 2.150,54 euros aos que se sumará unha achega municipal de 1.479,46 euros, ata sumar máis de 3.600. A axuda está concedida (publicouse no Boletín Oficial da Provincia do 3 de outubro) pero o estudo aínda non saiu a concurso. Nese documento é onde se debería plasmar a situación da localidade respecto ás fontes de contaminación e como reducilas e tamén analizar os riscos do cambio climático e como prepararse para resistilos axeitadamente.

 

Cidades galegas

Ferrol sumouse a este Pacto en 2019, cando xa outras cidades galegas levaban certo percorrido. A Coruña suscribiuno en 2012 e Santiago fíxoo ao ano seguinte. Os dous enviaron os seus Plans de Acción, cos obxectivos e medidas a tomar (entón era de cara a 2020, agora os obxectivos e prazos ampliáronse). Lugo inscribiuse en 2016. Porén, non se encontran polo de agora nin Vigo, nin Pontevedra nin Ourense nesta nómina.

A Xunta de Galicia está a impulsar nos últimos meses esta ferramenta, con presentacións nos concellos e accións específicas de axuda. Creou unha páxina web específica con información: www.pactodosalcaldes.gal. A da Unión Europea, con datos dun territorio máis amplo, é www.pactodelosalcaldes.eu. En toda Europa hai ata o de agora 9.968 entidades locais asinantes dos compromisos. Envíaronse 6.446 plans de acción (un 64,67%) e 2.329 informes de seguemento (23,36%).

Só cinco concellos da zona forman parte do Pacto dos Alcaldes sobre o Clima

Te puede interesar