Unha semana de poesía salvaxe para reivindicar o xénero nos espazos públicos

Unha semana de poesía salvaxe para reivindicar o xénero nos espazos públicos
Karlotti, Baterreche e Ferrández, co cartel anunciador da Poesía Salvaxe

Regresa, fiel á súa cita, a Semana da Poesía Salvaxe. Once anos despois de comezar a súa andaina, a proposta ideada e impulsada por Guillermo Ferrández, Juan Carlos Valle (Karlotti) e Marcos Lorenzo mantén a esencia e o obxectivo co que naceu: a reivindicación da poesía na rúa.
Os versos voarán con total liberdade por diferentes espazos públicos da cidade. Preto dunha vintena de autores porán a súa voz ao servizo dunha iniciativa que desta volta confire un peso moi importante á presenza feminina.
Serán precisamente cinco mulleres –“representativas da poesía máis potente, telúrica e enxebre que se está facendo nestes territorios atlánticos”, salientan os organizadores– as protagonistas da actividade central desta tarde, un recital que dará comezo ás 20.30 horas no Teatro Jofre, con entrada totalmente de balde –é preciso recitar convite–.

Baixo o nome de “Elas”, Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Judite Fernandes, María Do Cebreiro e Iolanda Zuñiga recitarán poemas nunha cita que será presentada por Eugenia Sanmartín e que incluirá as intervencións musicais de Manolo Bacalhau e Cabe García. Antes disto, ás 18.00 horas no Cantón de Molíns, terá lugar a tradicional proclama poético-política coa que cada ano ábrese de forma oficial a Semana da Poesía Salvaxe. Guillermo Ferrández, Víctor M. Díez, Karlotti e Xurxo Souto intervirán na sesión xunto a outros poetas locais.
A lectura de poemas continuarán ata o sábado por diferentes locais e espazos públicos da cidade. Así, por exemplo, mañá xoves será a quenda, pola mañá, para os mercados da Magdalena e o de Caranza, para xa pola tarde continuar a actividade no Ateneo e pola noite cun festival na Sala Super 8.
O venres seguirán percorrido polo mercado de Recimil e pola praza do Inferniño, onde onte, Ferrández e Karlotti deron a coñecer o programa xunto ao concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, cuxa áre colabora na iniciativa.

Teatro
Outra das citas a salientar do programa é a representación teatral da obra “El patio”, que terá lugar o venres ás 19.30 horas na capela do Torrente Ballester. A entrada é de balde, mais haberá que retirar os convites de xeito previo.
Ese mesmo día, ás 17.00 horas, realizarase unha pequena travesía poética na lancha da ría, para rematar a xornada cunha sesión de improvisación no Manchita.
Esta edición da Semana da Poesía Salvaxe botará o sábado o telón cunha sesión vermú na Fundaçom Artábria que contará coa participación de músicos e poetas para poñer o colofón á cita.

Unha semana de poesía salvaxe para reivindicar o xénero nos espazos públicos

Te puede interesar