San Felipe duplica as visitas en 2022 e refórzase como polo turístico

San Felipe duplica as visitas en 2022 e refórzase como polo turístico
O castelo de San Felipe é o monumento con máis visitas da cidade e en agosto continúa a recibir turistas | juan rey

O castelo de San Felipe consolídase como o gran monumento turístico de Ferrol, cun número de visitas no primeiro semestre do ano que duplica ao do anterior e cuns datos no mes de xullo que confirman este incremento. Desde xaneiro ata xuño achegáronse á fortaleza que garda o paso polo estreito da ría un total de 16.200 persoas, segundo os datos facilitados polo Concello de Ferrol. Nese mesmo período do ano anterior foron 7.400 os que se interesaron polo castelo, coa salvedade de que en 2021 aínda a pandemia de coronavirus condicionaba as viaxes e, ademais, en xuño permaneceu pechado durante un mes debido ás obras de rehabilitación e mantemento. Malia todo, o incremento é do 100%, o que dá idea, por unha parte, da recuperación do turismo e, por outra, da importancia desta construción dentro dos elementos que Ferrol ofrece para o seu goce. 
 

As cifras de xullo amosan de novo esta boa tendencia, con 6.530 visitas, fronte ás 5.790 do ano anterior. É un incremento do 12% impulsado ademais por novas exposicións e actividades que se desenvolven no castelo e no seu entorno. De feito, será o epicentro das actividades do domingo 21 para conmemorar a Batalla de Brión –a véspera haberá unha ofrenda floral no Baluarte de San Xoán e o domingo 28 recrearase a loita–.
 

Exposición de Playmobil 

A mediados de xullo inaugurouse na na fortaleza, na sala Cureñas, unha exposición que tamén está relacionada coa batalla contra a presenza dos ingleses de 1800. Trátase dunha representación con figuras de Playmobil, unha montaxe promovida polo Concello de Ferrol e pola Asociación Española de Coleccionistas de Play-mobil (Aeclick) coa colaboración do Tercio Norte.
 

Neste gran diorama vese o desembarco na praia de Doniños, a lagoa, o castelo de San Felipe e a pelexa nos montes de Brión. Compóñena 700 figuras de soldados e veciñanza con outros elementos que axudan a darlle viveza á narración. 
 

A exposición está aberta ata o 15 de outubro no horario do castelo: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00, todos os días do ano.

 

As prazas para as ceas voan

Fronte a San Felipe fondearán as lanchas que transportan aos comensais doutra das iniciativas turísticas recuperadas tras a pandemia: as ceas na ría. Empezarán a vindeira fin de semana, os venres e sábados, ata o 9 e 10 de setembro. Teñen un prezo de 40 euros para adultos e de dez euros para menores de doce anos. 
 

A actividade ten unha duración de tres horas e media, con guía oficial, música en vivo e menús para escoller. As reservas para o venres 19 xa están esgotadas. Para o 20, hoxe quedaban cinco prazas. A reserva pódese facer de forma electrónica na web www.viaxesgalitur.com.

San Felipe duplica as visitas en 2022 e refórzase como polo turístico

Te puede interesar