domingo 15.12.2019

Salvemos A Malata di que co anuncio de Fomento para o tren a Caneliñas “materialízase a desfeita”

O colectivo Salvemos A Malata, que nos últimos meses veu aglutinando as asociacións veciñais e deportivas, así como partidos políticos e sindicatos, contra a elección do trazado sur da conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol, considera que coa publicación no Boletín Oficial do Estado da aprobación do estudo informativo e mais a adxudicación da redacción do proxecto construtivo “materialízase a desfeita” da ría.

A plataforma, que xurdiu en 2010 coa presentación do estudo informativo á cidadanía, reactivouse logo de que o Ministerio de Fomento, a través da Dirección General de Ferrocarriles, publicara o anuncio de licitación do proxecto construtivo hai un ano, en xaneiro de 2013. Membros do colectivo levaron as súas reivindicacións ao pleno dese mesmo mes no que se debateron dúas iniciativas de BNG e EU nas que se reclamaba ao goberno local que defendese até as últimas consecuencias as alegacións que presentara tres anos atrás pero que foron rexeitadas polos concelleiros do Partido Popular e mais o edil de Independientes por Ferrol, Juan Fernández. Daquela, o portavoz do grupo de goberno era José Manuel Vilariño, hoxe presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Naquela intervención asegurara que “un viaduto sobre a ría non a vai estropear”.
Asimesmo, elaborouse un documental –“O que esconde o tren ao porto exterior”– que está colgado en Youtube no que se recolle o posicionamento da plataforma ao respecto.
A aprobación da Declaración de Impacto Ambiental –DIA– a comezos de abril acrecentou a mobilización e provocou que se presentase un recurso de reposición ao considerar que todo o proceso do proyecto do ferrocarril a Caneliñas estaba “viciado” desde a súa mesma orixe e porque o ministerio responsábel da súa realización, o de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente se excedía nas súas competencias ao se decantar claramente por unha alternativa, a sur, cando o seu labor é “analizar cun criterio estritamente ambiental as diferentes alternativas”. n

Comentarios