Rosa Cal: “Hildegart foi o produto das ideas da súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira”

Rosa Cal: “Hildegart foi o produto das ideas da súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira”
presentación de libro de Henrique Dacosta no Ateneo

“Cando comecei a traballar sobre Hildegart, desde o mundo académico non lles pareceu un tema serio. Creo que este espléndido congreso, tan transversal e analizando a súa figura desde tantos puntos de vista, recoñece ese traballo de investigación”. Así de contundente se mostraba onte a profesora Rosa Cal acerca do congreso que se está realizando no Ateneo sobre a figura de Hildegart Rodríguez Carballeira. A súa obra de 1991 “A mí no me doblega nadie. Vida y obra de Aurora Rodríguez Carballeira” é un estudo clave para entender a esencial figura materna.  
A profesora ferrolá pronunciou unha conferencia sobre a nai da intelectual, Aurora, para Cal a figura clave en todo isto: “Hildegart é un produto na súa nai, unha muller insólita nacida en 1879, cun proxecto de vida que en nada tiña que ver con casar e ter fillos, nun ambiente moi rico intelectualmente. Como non podía fundar un falansterio pola oposición do seu pai, decide pasar a outro plan tras coñecer ao sacerdote que sería o pai de Hildegart. Un plan moi meditado. A segunda parte da historia xa é moi condenable coa creación do ‘monstruito’, porque non se lle pode quitar a infancia a un neno”. En canto ao congreso en si, Rosa Cal é taxativa: “O que fixo  o equipo do Ateneo é unha marabilla. Un congreso con especialistas académicos de todas as ramas e xente de toda España, de Praga, Londres, Australia ou Estados Unidos... isto ten un mérito enorme. Ademais, unha análise lonxe do amarillismo ou do morbo, moi seria e rigorosa”.

Roteiro conmemorativo
A xornada de onte deparou ponencias sobre o republicanismo, e os libros e películas feita sobre Hildegart. A representación internacional estivo da man da norteamericana Kyra Kietris e da australiana Micaela Pattison. Tamén houbo  presentación da novela de Henrique Dacosta “Entrada ao xardín do saber” e a actuación musical de Ayla e o falso baiano. Hoxe haberá varios cambios nos poñentes anunciados (non poderán vir Eduard Masjuan e Olga Roig) e a temática centrarase fundamentalmente nos traballos sobre sexualidade e política de Hildegart.
Entre as 13.00 e as 14.00 horas haberá un roteiro aberto por lugares de Ferrol vencellados a Aurora Rodríguez Carballeira e, tralas ponencias da tarde, ás 19.00 horas a poeta Carmen Blanco ofrecerá o recital “Hildegarts vivas nas carballeiras: miles de mulleres para outras auroras” acompañada pola violinista Estrela Gómez. A exposición con libros e obxectos de Hildegart, que está aberta todo o mes, viaxará o día 9 á Casa da María Pita na Coruña onde se poderá ver durante todo xaneiro. A mostra está organizada pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, entidade coorganizadora do congreso xunto co Ateneo e a Marcha Mundial das Mulleres.

Rosa Cal: “Hildegart foi o produto das ideas da súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira”

Te puede interesar