Roger de Flor: “A música é sinónimo de vivir, de sentir, de emocionarte”

Roger de Flor: “A música é sinónimo  de vivir, de sentir, de emocionarte”

A cara máis lúdica e festiva de Roger de Flor, a que transmite  nos directos rodeado de amigos, protagoniza o disco que este xoves, ás nove da noite, presenta na capela do Torrente Ballester. Así, convértese en parte dos Silvestres, unha banda que o acompaña desde a gravación do documental “Naturalidade Silvestre”, de Carlos Alberto Alonso, e que na actualidade está formada polo propio Roger, xunto con Cabe García, O Marqués das Vinhas, Serxio Galego e, como recente incorporación, o contrabaixista Óscar Painceiras.
“Hai un lugar no norte” é o tema de lanzamento dun traballo homónimo no que se recollen grandes hits como “Os dous amigos” ou “Non penso volver a televisión”, cancións que tocaban en directo pero que nunca antes se gravaran en estudo (como “Entusiasta seguidor da moda” ou “Collendo cogomelos”) ou temas doutros discos que agora renovan o son e trasládanse o galego (“Ana” ou “Nada é tan importante”). E aparecen tamén aportacións novas do propio Roger de Flor e de “silvestres” como Cabe García (coa acústica “Sesta campestre”) ou o Marqués das Vinhas (co seu vital “Ilealé”). “É unha escolma do espírito noso, dos Silvestres”, comenta Rogelio Arias recén chegado dunha actuación en Monforte de Lemos. “Reflicte quizais a parte máis lúdica, alegre e divertida que tiña nos concertos, cun concepto de grupo, recollendo o traballo e a dedicación á música de todos nós destes últimos anos”.
Roger de Flor quedou moi satisfeito co resultado e tamén moi agradecido a tódolos colaboradores ós que seduce para aportar a súa creatividade en diferentes partes do proceso. A lista destes “outros silvestres” pasa da ducia. “Trátase simplemente de estar alerta sobre o traballo dos compañeiros e da xente de aquí. En Ferrolterra hai moita tradición musical e moito talento. E entre nós hai, en xeral, moita camaradería. Nunca tiven unha negativa como resposta a unha colaboración. Sen eles o resultado non sería o mesmo. Dálle unha profundidade e unha riqueza moito maior”.
Os Silvestres cruzan Galicia para tocar en diferentes locais. “Para ser independentes, á marxe da industria e de soporte institucional, vamos funcionando ben”, comenta De Flor. “A xente vainos coñecendo, sabe o que facemos en directo e van xurdindo cousas. Sempre che gustaría tocar máis, por nós, tódolos días, pero non nos queixamos”.
Seguen adiante porque “somos moi cabezóns” e porque a música forma parte da súa maneira de entender a vida. “A música é sinónimo de vivir, de sentir, de emocionarte. Viaxas, coñeces xentes, abres o teu círculo de amizades... A nivel humano é un tesouro que te enriquece moitísimo, vaste nutrindo e alimentando e tamén é unha especie de adicción. A estrada dá moitas vidiña e tamén a gravación dos temas. Hai tempo que non teño unha crise existencial sobre a miña traxectoria musical”, comenta Rogelio.
Como petisco a este novo traballo pode verse na rede o vídeo do tema “Hai un lugar no norte”, gravado no tren de FEVE. Naceu a raíz da relación cos portugueses Os Azeitonas, que tiñan a melodía base dunha canción que se enriqueceu coas achegas de De Flor e a letra de Nicolás Vidal (“o noso quinto silvestre”).

Roger de Flor: “A música é sinónimo de vivir, de sentir, de emocionarte”

Te puede interesar