Reportaxe | Un percorrido pola evolución da escola para contribuír a súa posta en valor

Coñecer a escola do pasado para “aprender do bo e desbotar tradicións e costumes que non caben nunha sociedade democrática” e tomar conciencia do valor da mesma como “instrumento que garante

Reportaxe | Un percorrido pola evolución da escola para contribuír a súa posta en valor
Un momento da xornada celebrada onte no instituto ferrolán | daniel alexandre
Un momento da xornada celebrada onte no instituto ferrolán | daniel alexandre

Coñecer a escola do pasado para “aprender do bo e desbotar tradicións e costumes que non caben nunha sociedade democrática” e tomar conciencia do valor da mesma como “instrumento que garante o dereito universal a recibir educación de calidade e a formar cidadáns” son dous dos obxectivos do proxecto “A escola é o camiño” desenvolvido este curso no IES Saturnino Montojo.
Trátase dun programa colaborativo –interveñen o Equipo de Dinamización Lingüística, o de Biblioteca e outros departamentos didácticos– no que a Lingua Galega sirve de vehículo para a realización de variadas actividades, centradas desta volta na evolución e papel da escola ao longo da súa historia.
Necesidades
“Queremos facer un percorrido que nos axude a resaltar o valor da escola e da educación de onte a hoxe, así como coñecer os profundos cambios que sufriu para adaptarse ás necesidades dunha realidade máis globalizada, pero na que seguen existindo profundas desigualdades de carácter cultural, social, económico...”, apuntan desde o instituto.
O traballo da vintena de alumnas e alumnos de diferentes cursos e cinco profesores que participan no programa de “correspondentes xuvenís” –proposta de voluntariado coordinada desde a Dirección Xeral de Xuventude– foi esta vez determinante na organización da intensa xornada celebrada onte no instituto ferrolán. O programa incluíu unha serie de dramatizacións breves por parte dos alumnos sobre diferentes tipos de escolas, abordando cuestións como as relacións entre os profesores e alumnos ou entre as familias cos docentes, os materiais empregados ou sobre o dereito á educación noutros países. Un faladoiro e unha presentación sobre María Victoria Moreno, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, foron outras das propostas desenvolvidas.
A cita tivo tamén un marcado carácter solidario, a través dun mercadiño e unha degustación de doces cuxos fondos serán destinados á ONG Unicef para que sexan investidos en escolas de lugares onde os rapaces aínda non poden acceder á educción. A iniciativa recadou 900 euros. 
A entrega de premios do certame Letras Galegas pechou unha convocatoria que tamén permitu ao alumnado combinar nun mesmo proxecto a aprendizaxe co servizo á comunidade, “implicándose nas necesidades reais dunha comunidade educativa coa finalidade de mellorala a través do traballo e a solidariedade”. Exposicións, actividades deportivas ou un concerto solidario ao final de curso son outras das propostas. l