Reportaxe | Mil voces unidas e cheas de vida

Reportaxe | Mil voces unidas e cheas de vida
Os rapaces interpretaron a canción “Chea de vida” xunto a Guadi Galego catro veces –un ensaio xeral e tres para facer a gravación do vídeo– | daniel alexandre

Onte foi un día diferente no taller de prearmamento da factoría ferrolá de Navantia, ese no que os operarios “visten” os bloques dos barcos –como o actual do BAM que se está a construir para a Armada Española– antes de os levar para a grada.

A nave industrial converteuse pola mañá, por espazo dunhas horas, nun improvisado escenario musical para un coro formado por uns mil alumnos de dezasete centros educativos da zona. Todos eles interpretaron xunto a Guadi Galego, e baixo a dirección de Ramón Bermejo, a canción “Chea de vida”, un dos temas recollidos no disco “Lúas de outubro e agosto” da artista cedeiresa.

Das tres gravacións realizadas neste simbólico espazo –a canción foi tamén interpretada de forma simultánea en lingua de singos por un grupo de escolares– sairá un vídeo que o vindeiro 17, Día das Letras Galegas, será colgado nas redes sociais.

O acto, que xerou unha gran expectación nos últimos días tanto na comunidade educativa como no propio estaleiro, foi organizado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol, dirixido por Manuel Losada, a raíz do desenvolvemento dun curso de formación docente sobre os coros como actividade integradora para o alumnado.
Colaboración

Contou ademais coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da propia Navantia e por suposto do profesorado e estudantes dos colexios e institutos participantes: os colexios A Laxe, Pazos, Isaac Peral e Plurilingüe Jesús Maestro -os catro de Ferrol–, Nicolás del Río de Cedeira, Plurilingüe de Andrade (Pontedeume), San Isidro de Neda, Santiago Apóstolo (Mugardos), As Mirandas (Ares) e San Sadurniño e os IES Canido e Saturnino Montojo de Ferrol, Ortigueira, Terra de Trasancos (Narón), Mugardos, Alfonso X O Sabio de Cambre e o IES Monelos da Coruña.
Eles foron os verdadeiros protagonistas dunha actividade que, máis alá do aspecto musical, permitiu crear un espazo de convivencia entre os rapaces, unidos arredor da música galega, estimulando ao mesmo tempo a creación de coros escolares nos centros educativos.

A meirande parte dos que onte tomaron parte na gravación foron creados especificamente para o proxecto do CFR. Nalgúns casos, como o IES Terra de Trasancos de Narón e o IES de Ortigueira, xa teñen desde hai anos estas agrupacións.


“Cantar no coro permite traballar moitos valores como o esforzo, o compañeirismo, o respeto cara o traballo dos demais...”, comentaba onte o profesor de Música e reponsable do coro do instituto ortegán José Antonio García Mato.

Guadi Galego, que tamén é mestra, definía a iniciativa de onte como “moi interesante e moi necesaria tendo en conta como está o tema das artes na educación”. Salientou tamén o acto como un apoio a un sector, o do naval, ao que probablemente estarán vinculados familiares de moitos dos rapaces que onte, e por unhas horas, encheron de vida a factoría ferrolá.

Reportaxe | Mil voces unidas e cheas de vida

Te puede interesar