Reportaxe | Mestres do 36 na comarca dan a súa lección máis importante no Gaiás

Reportaxe | Mestres do 36 na comarca dan  a súa lección máis importante no Gaiás
Homenaje a Juan García Niebla en A Graña

A mostra “Castelao Maxistral”, que pode verse ata o 3 de marzo do próximo ano no Museo Centro Gaiás de Compostela, configura unha nova oportunidade para coñecer algo máis da represión acaecida en Galicia durante a guerra civil e o franquismo. Neste caso, a exposición céntrase na educación, en xeral, en nos mestres, en particular, sendo o cadro do artista de Rianxo “A derradeira lección do mestre” o eixo central da iniciativa –é a primeira vez que a obra, creada en Arxentina no 1945, sae do Centro Galego de Bos Aires–.
Debuxos, materiais, recreacións de aulas e incluso un fragmento da película dirixida por José Luis Cuerda “A lingua das bolboretas” compoñen o percorrido que leva ao visitante a coñecer de preto a situación da ensinanza no país en tempos da República, incidindo na importante tarefa e o gran interese de Castelao a favor dunha educación libre, universal e en galego.
Un dos documentos que forman parte desa mostra é unha listaxe dos cen profesores asasinados co estoupido da guerra civil, una serie de nomes dos que 13 pertencen á comarca ferrolá. O primeiro deles, Pedro Almazán Ramos, era natural de Narón, daba clases na escola de Quinta-Cal e era afiliado ao Partido Comunista Español. O 21 de agosto do 36 morreu en Ferrol a mans da “Fuerza Pública” con 27 anos, tal e como se recolle no buscador do portal “Nomes e Voces”, un proxecto de investigación nado en 2006 a través dun convenio das tres universidades galegas coa Consellería de Cultura da Xunta co obxectivo de recompilar información e ofrecer datos relativos ás vítimas a partir do golpe de estado. Eugenio Meizoso Núñez é o outro naronés que aparece no listado, un mestre militante do PSOE que realizou o paseo o 22 de agosto ata o cemiterio de San Xiao.
En Ferrol son dous os nomes que aparece na listaxe dos profesores asasinados no 1936: Juan García Niebla e Manuel de Pazos Fernández. O primeiro deles, afiliado ao PSOE, tiña 60 anos cando morreu a mans da “Fuerza Pública” o 17 de agosto. Na Graña, lugar onde exercía como docente, recórdaselle desde 2016 cun carballo e un monolito e son varios os estudos e libros que recollen a súa historia. De Pazos Fernández morreu a causa dunha ferida de arma de fogo o 21 de xullo cando tiña 27 anos.
Valdoviño foi outro dos concellos salpicados pola barbarie no ano de comezo da guerra, xa que o seu tenente de alcalde e mestre en Aviño, Reinaldo Saria Delgado (PG), morreu dunha hemorraxia interna despois dunha malleira, tal que como recolle “Voces e Nomes” no seu buscador. Con el, Manuel López González (UGT, 26 anos) e José Ambrós Gordillo (IR, 36 anos) foron obrigados a dar o paseo o 25 de agosto, sendo o primeiro natural de Cáceres e vogal da xestora municipal e asesor do alcalde ademáis de mestre e o segundo procedía de Badaxoz.
Manuel Santeiro Boo, nacido en Chantada, era director e mestre da Escola Graduada de Ortigueira cando o 25 de agosto, aos 33 anos, morreu a causa dunha hemorraxia interna e o seu cadáver apareceu na Coruña. O veciño de Mañón José Novás Soto (UGT)tiña 29 anos e daba clases nesa época na parroquia ortegana de San Clodio; dous días despois que Santeiro Boo morreu en Ferrol a mans da “Fuerza Pública”.
Enrique Alonso Teijeiro (PSOE) –mestre da Graduada de Cedeira, militante do PSOE e de 23 anos de idade– e Rufino Redondo Senra (IR) –24 anos, natural de Oleiros, mestre en Devesos (Cerdido) e concelleiro– foron executados no castelo de San Felipe o 18 de de-cembro de 1936, tras ser xulgados por rebelión militar en Ferrol co resultado de sentenza de morte. De Rufino Redondo consérvase unha carta no Museo da Emigración Galega de Bos Aires na cal se despide da súa muller e familia un día antes de ser asasinado: “Os escribo esta carta, tal vez la última, con el corazón destrozado por el dolor de dejaros. El destino lo quiere así”, comenzaba a misiva, tal e como recollía o diario “El País” en marzo de 2011.
Pontedeume é o último dos concellos que aparecen mentados na listaxe dos cen profesores asasinados de “Castelao Maxistral”, a través de Leonardo Martínez Novo e José Fernández Barral, de 25 e 37 anos, respectivamente. O primeiro deles, foi fundador e rexedor do colexio-academia Curros Enríquez da vila e, ao igual que o seu colega, morreu por feridas de balas o 10 de agosto. Fernández Barral (PSOE) era membro do Consello Municipal de Ensino Primario no momento no que o mataron, o 19 de agosto. O seu cadáver apareceu en Caamouco. 
Case medio centenar 
“Voces e nomes” recolle a dura historia sobre estes 13 mestres mencionados na exposición do Gaiás, pero tamén a doutros 34 docentes, homes e mulleres, de concellos da comarca –A Capela, Cariño, Cedeira, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño– que foron sancionados, procesados ou desapareceron no 1936.
O proxecto de investigación das tres universidades fundaméntase nos datos que achegan os procesos xudiciais, os rexistros civís dos concellos, as fontes orais recollidas en entrevistas e os traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas. Con todo, tal e como indican, a base estará sempre en permanente construcción e incorporará novos nomes conforme se indaguen novas fontes documentais e se acheguen informacións contrastables.
Así, o buscador avanzado de "Voces e Nomes" permite buscar a unha persoa polo nome, os apelidos, o sexo, o lugar de nacemento, a súa veciñanza, a filiación, o tipo de suceso, a profesión e o ano da morte. Unha ferramenta máis para tratar de dar luz a unha das épocas máis escuras do país. l

Reportaxe | Mestres do 36 na comarca dan a súa lección máis importante no Gaiás

Te puede interesar