Reportaxe | O “Mapa do medo” tamén sinala á comarca

Reportaxe | O “Mapa do medo” tamén sinala á comarca
A iniciativa, baseada no Google maps, conta con máis de 16.000 visitas desde que comezou a súa andadura en xaneiro

“Parouse un coche con dous tíos ao noso lado. Quedáronse mirando para nós e dixéronnos ‘que ollos máis bonitos tes, que facedes as dúas soas por aquí’. Tiñamos 12 anos e non eramos moi conscientes no momento da cantidade de cousas que nos poderían facer”. Así comeza unha das cinco historias da comarca –catro en Ferrol e unha en Ares– que aparecen no “Mapa do medo”, unha iniciativa posta en marcha o pasado mes de xaneiro por unha estudante de fotografía da USC, a pontevedresa Jessyca Ocampo.
“De todos os temas que se me viron á cabeza para facer o traballo de clase, este pareceume que sería o máis interesante para fecelo, posto que todas temos algo que contar ou aportar a este tema. Eu mesma teño historias e tamén coas miñas amigas cando saimos de festa e nos atopamos con este tipo de situacións”, explica a moza.
A idea consiste en localizar nun mapa similar ao Google Maps todas as historias e agresións que sufren a diario as mulleres nas rúas galegas. “Neste mapa recóllense historias que temos por “leves” e que non o son, pero que xa as temos normalizadas por desgraza, como un “ei moza, vente con nós a facernos compañía”, uns berros, uns agarróns na rúa... Penso que é hora de que a nosa sociedade sexa consciente das agresións machistas que sufrimos nas nosas rúas e empezamos a darnos conta de que este tipo de situacións non ocorren na outra punta do país nin son casos aillados”, indica Ocampo, ao mesmo tempo que sinala que a iniciativa inspírase nunha idea moi similar que naceu en Brasil coa organización OLGA e coa campaña “Xa Chega de Fiu Fiu”.

Casos cercanos
Aínda que ao principio comezou sendo só un mapa da cidade de Santiago de Compostela, pronto evolucionou nunha representación das agresións machistas de toda Galicia. Na comarca, existen catro casos no concello de Ferrol e outro en Ares. Así, todos os que visiten a aplicación en internet poden ver historias en Covas, na Avenida de Vigo, a rúa Muíño do Vento e a de Os Castros. Berros inapropiados que se repiten de maneira continuada polo mero feito de levar minisaia, persecucións nocturnas e mesmo insultos ao plantarlle cara ao agresor son algúns dos exemplos que recolle o mapa e que, segundo semella, parecen non ter fin. “A verdade é que, por desgraza, as historias non paran de chegarme e xa van un par de veces que me vexo desbordada, pero penso que isto é moi necesario e hai que seguir adiante con este proxecto”, confesa Jessyca Ocampo. Son moitas as que falaron coa estudante para compartir as súas vivencias e agradecerlle o seu traballo para mostrar “o medo que pasamos as mulleres por cómo está a situación actual nas rúas”.
Un dos problemas cos que se atopa esta moza pontevedresa é a inconsciencia dos homes na maioría das ocasións deste tipo; realizou unha enquisa na cal máis do 60% dos homes non se dan conta do medo que lle poden provocar a unha muller que vai diante deles pola rúa–.
¿E en que vai quedar isto unha vez Jessyca presente o traballo na clase? “Aínda non o pensei, a verdade. Seguirei con isto pola gran necesidade que vexo á hora de ensinar o que pasa nas nosas rúas e quizáis se expanda a outras comunidades autónomas. Agora mesmo non dispoño de tempo, pero encantaríame seguir ampliándoo e que este proxecto acabe facendo un cambio de visión”, asegura.
Todas aquelas mozas e mulleres que queiran compartir e visibilizar as súas experiencias –de xeito anónimo– poden envialas ao correo mapadomedo@gmail.com e visitar o Facebook da iniciativa, “Mapa do Medo”.

Reportaxe | O “Mapa do medo” tamén sinala á comarca

Te puede interesar