Reportaxe | Máis de dez quilómetros de sendas para percorrer a comarca

Reportaxe | Máis de dez quilómetros de sendas para percorrer a comarca
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-ef167d91

A Xunta, no marco do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Ferrol ten previsto nunha primeira fase a construción de 10 quilómetros de novos itinerarios cun investimento de 4 millóns, co obxectivo de recuperar espazos e crear outros novos nunhas contornas que se foron degrandando polo paso do tempo ou pola acción humana. 

A iniciativa é moi aplaudida entre os veciños porque se promove unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular. De tal modo, son os usuarios de bicicleta uns dos principais entusiastas destas sendas, tanto os que a empregan para paseo como por motivos profesionais. 

Tamén cada vez son máis as persoas que empregan estas novas sendas seguras, apartadas do tránsito rodado, como espacios de lecer e desfrute, porque tamén contan con lugares adapatados para o descanso e o ocio.

Deste modo, das sendas previstas, dúas están xa en servizo, como son a de Fene e a de Cabanas. E está próximo ao seu remate a senda na estrada AC-130, entre Ares e Mugardos, que é unha vella demanda dos veciños.

Tamén o itinerario de Franza a Rinlo, no concello de Mugardos, foi sometido xa a información pública e xa ten completado o proxecto construtivo, que se atopa en fase de supervisión. 

A primeira senda peonil e ciclista xa executada atópase na estrada AC-133, no treito do Ramo, no concello de Fene, cun investimento de máis de 210.000 euros. Este senda permitiu mellorar a seguridade nunha vía que dá acceso a varios equipamentos docentes e culturais como o colexio, a escola infantil, o campo de fútbol ou o pavillón de deportes, polo que rexistra un elevado número de desprazamentos tanto a pé como en vehículos.

A senda executouse en dous tramos e desenvolveuse nun treito antigo da estrada resultante dunha rectificación de trazado próxima ao apeadeiro de Barallobre e non requiríu expropiacións. Nos primeiros 130 metros, ata a pasarela peonil existente para o paso sobre a vía de ferrocarril, executouse pola marxe dereita da estrada. Unha vez pasada a pasarela, se construíu pola marxe esquerda nunha lonxitude de case 440 metros; e nos últimos 140 metros executáronse pola dereita, pola existencia dunha escola infantil e un pavillón nesa marxe.

As obras completáronse coa reparación das varandas da pasarela, que ademais foron repintada para protexela de oxidación. A sección tipo desta vía, tras a actuación, consta de calzada de 6 metros e senda peonil de formigón de 2,2 metros.

Pola súa parte, a senda de Cabanas foi o segundo itinerario peonil e ciclista executado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta senda está na marxe esquerda da estrada AC-141. Con esta actuación, desde febreiro deste ano os veciños contan cun itinerario de 1,3 quilómetros que facilita uns desprazamentos seguros entre os principais centros de actividade do municipio.

Para a construción desta senda, a Xunta destinou 500.000 euros e o Concello puxo á disposición os terreos necesarios para poder acometer as obras.
Trátase dunha senda destinada ao uso de peóns e tamén para ciclistas de paseo. O itinerario está separado da calzada, polo que ofrece unhas condicións de seguridade e comodidade axeitadas para o seu uso e desfrute por parte dos veciños. 

Esta senda foi moi demandada, posto que nesta zona existe unha circulación peonil constante motivada pola concentración de poboación e a existencia de numerosas vivendas na zona. Así mesmo, é unha área onde se atopan os principais equipamentos municipais, como é o caso da Casa do Concello e outros lugares concorridos, como a igrexa parroquial de San Andrés. 

Itinerarios
Na actualidade se traballa para rematar este ano, o novo itinerario peonil e ciclista na estrada AC-130, entre Ares e Mugardos, onde se está a acometer o acondicionamento da estrada ao tempo que se constrúe a senda mixta. Cun investimento de 1,5 millóns os traballos que se realizan teñen como obxectivo canalizar de xeito seguro o tránsito peonil ou en bicicleta e ordenar o tráfico nas zonas máis urbanas para lograr unha estrada máis humana.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar esta senda de 3,7 km para conectar os núcleos urbanos de Mugardos e de Ares, partindo e finalizando este itinerario nas proximidades dos colexios existentes en ambos municipios.

O itinerario conta cun ancho de 2,75 metros e con franxa axardinada para separala da estrada e está construída en formigón coloreado nas zonas máis próximas a Ares e Mugardos, o que a fai máis facilmente visible polos vehículos que circulan pola estrada. 

Os traballos nesta senda entre Ares e Mugardos supoñen así outras melloras que incrementarán a funcionalidade da estrada e redundarán en maior seguridade dos usuarios. Así, mellórase o trazado rectificando unha curva, ademais de acondicionar os accesos e cruces no contorno da senda e se constrúe unha glorieta, na entrada de Ares, na intersección coa avenida pola que se accede á praia, na zona do Mazote, unha zona na que eran frecuentes as colisións por alcance.

Paralelamente, mellóranse os servizos cunha pasarela de madeira para darlle continuidade á senda sobre un rego existente; unha zona de aparcadoiro en Mugardos, no contorno da escola; e dúas paradas de autobús, unha en Ares e outra en Mugardos. 

Na actualidade xa está funcionando a glorieta prevista á entrada de Ares, aínda que está pendente de estender a capa de rodadura. E tamén neste intre o tramo máis urbano está case finalizado, á espera de que a compañía eléctrica realice os traballlos de retranqueo dos postes na zona. Ademais se está a realizarse a pavimentación de senda no tramo interurbano, 

Financiamento
Estas actuacións foron cofinanciadas polo Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e forman parte do Plan de Sendas de Galicia, na súa segunda fase. A Xunta, entre a primeira e a segunda fase do plan, está impulsando a construción de 95 sendas, case 125 km de itinerarios peonís e ciclistas en once comarcas, cun investimento de 37 millóns de euros.

Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, xa que son os usuarios máis vulnerables das estradas. 

Este Plan de Sendas está en sintonía co Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas. Ademais alíñase co Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto ao fomento dunha mobilidade sustentable. E están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. l

O propósito fundamental desta iniciativa é promover sendas útiles e saudables, ao percorrer a distancia entre os núcleos urbanos e os centros de equipamentos e servizos como centros de saúde, áreas comerciais, lugares de lecer, escolas ou garderías. 

O plan atópase en pleno desenvolvemento, con moitas sendas xa a disposición dos veciños de distintas comarcas galegas, outras en obras e outras, sumando pasos na tramitación dos proxectos necesarios para a súa execución.

Trátase dun plan coordinado e froito do diálogo porque na súa elaboración os concellos aportaron a súa opinión para determinar as accións máis necesarias en cada zona.

Reportaxe | Máis de dez quilómetros de sendas para percorrer a comarca

Te puede interesar