Os irmáns Arias e a estraña conexión con William Blake

Os irmáns Arias e a estraña conexión con William Blake
O disco está á venda na libraría Cantón 4, na cafetaría Cuerda Floja e no Facebook de Strange Mystery Flower

É un dos músicos da comarca máis creativos e versátiles. Impulsor de proxectos diversos co pop como base e con letras en galego, castelán e inglés, Rogelio Arias atópase en estado de graza. Co último traballo discográfico que vén de publicar canda a súa irmá Amparo e o arranxista Raúl Diz –ademais de con outros compañeiros de viaxe, como a violoncelista Macarena Montesinos ou o contrabaixo Íñigo Uzarmendi– baixo o título “Strange Mystery Flower sing William Blake” atinxe a madurez do que é, como el mesmo di, o seu proxecto de maior entidade artística.

O pasado venres tivo lugar no Ateneo Ferrolán a presentación do disco, dez temas que xa adiantara o pasado verán no Glastonbury William Blake Festival grazas ao poder de internet. Foi aquí onde os seus organizadores puideron ver o que os Arias estaban a facer coas letras de Blake –1757-1827–, unha das referencias da literatura anglosaxona. A súa actuación foi un éxito e as críticas colleitadas servíronlles de acicate ao dúo para seguir transitando por este camiño.

Co disco xa á venda, Rogelio Arias pecha unha primeira etapa que comezara hai xa varios anos. “Hai tempo que caeu nas miñas mans un poemario de Blake e desde o primeiro momento sentín que había unha conexión moi potente, e comezaron a rebulir melodías na cabeza”, lembra o músico.

Mais o pulo definitivo chegou en 2014, cando nunha viaxe polo norte de Italia se fixo cunha antoloxía do poeta inglés. “Aí volvín sentir esa conexión e nese mes que durou a viaxe púxenlle música a vinte e cinco poemas. Foi dunha inspiración tremenda”, recoñece Rogelio. “Para min”, engade, “é un agasallo; a música xurdía de xeito moi natural e espontáneo”, tamén por outro factor a ter en conta. “Con estes versos”, di, “recuperei sensacións e emocións que levaba dentro desde había moito tempo, desde a miña etapa de formación musical na adolescencia”. Así, enumera os clásicos do pop británico, e tamén americano, das décadas dos 60 e 70, que compoñen a súa base cultural musical.

Con eses vimbios e esa forza inspiradora, Rogelio viu que había un territorio amplo que explorar. Embarcou no proxecto á súa irmá e tamén a outros músicos que acabaron por lle dar forma á idea.

“Así fomos cociñando todo para, finalmente, escoller dez temas que son os que integran o disco”, explica. As posibilidades da rede, onde ían colgando os temas a medida que estaban rematados, foi precisamente as que lles abriron as portas do Glastonbury, unha experiencia “inesquecible”, apunta o compositor, “polo lugar no que se celebra, pois desprende unha forza telúrica moi potente. Foi marabilloso poder actuar alí”, engade.

Outras datas próximas

Strange Mystery Flower ten percorrido por diante. Nestes intres están pechadas actuacións en cidades galegas como Pontevedra, Lugo, Vigo ou Ourense. É, ademais, un vieiro que musicalmente pode dar máis de si, como recoñece o seu impulsor.

“Sen dúbida”, insiste, “que é o proxecto de todos os que teño feito con maior entidade artística, pero tamén é certo que teño comigo un letrista marabilloso, un dos grandes escritores da literatura anglosaxona”, sinala. E iso, recoñece, “faino todo moito máis doado”.

Os irmáns Arias e a estraña conexión con William Blake

Te puede interesar