Reportaxe | Correspondentes Xuvenís 3.0, moito máis que xestores de información

Reportaxe | Correspondentes Xuvenís 3.0, moito máis que xestores de información
Un momento da visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez | daniel alexandre

“Este é un programa que nos encanta porque, entre outras moitas cousas, nos permite recibir información puntual dirixida aos mozos, de campamentos, certames, aloxamentos universitarios, etc.”.
Quen así se expresa é Carme Fernández, coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do IES Saturnino Montojo, departamento desde o que hai cinco anos se desenvolve no centro o proxecto de Correspondentes Xuvenís 3.0.
No curso actual, unha vintena de alumnos de 3º e 4º de ESO e de 2º de Bacharelato implicáronse, xunto a cinco profesores, nunha actividade que vai moito máis alá da xestión da información, xa que supón unha implicación total dos estudantes nas diferentes actividades e celebracións organizadas polo instituto así como a súa achega a temas que teñen que ver co voluntariado e o compromiso social. “Ten unha dimensión que trascende á simple información”, salienta a profesora, que adianta ademais a súa intención de introducir para o curso que vén no programa aos estudantes de 1º de ESO.
Visita
Onte, os correspondentes xuvenís recibiron a visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, ante a que presentaron as actividades desenvolvidas ao longo do curso. Como recompensa ao seu traballo, os voluntarios son convidados a dous campamentos no que teñen oportunidade de coñecer e compartir experiencias con compañeiros doutros centros que desenvolven o seu mesmo labor.
Achegas
A participación neste programa ten moitos beneficios para os alumnos, segundo destaca Carme Fernández. “Entenden a educación moito máis alá das aulas; entenden o sentido do voluntariado. Ademais, aprenden a dimensionar o seu papel na sociedade e profundizan no traballo colaborativo”, apunta.
Por iso teñen claro que continuarán ofertando aos seus alumnos un proxecto impulsado desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e no que participan outros centros galegos.

Reportaxe | Correspondentes Xuvenís 3.0, moito máis que xestores de información

Te puede interesar