Rego reivindica a vixencia do pensamento político de Moncho Reboiras no contexto actual

Rego reivindica a vixencia do pensamento político de Moncho Reboiras no contexto actual
Colocación da coroa de flores no portal no que foi abatido Moncho Reboiras en agosto de 1975 | e.c.

A Unión do Povo Galego, organización á que pertencía Moncho Reboiras, lembrou onte o 47 aniversario do seu asasinato por parte da policía franquista, con 25 anos, na rúa da Terra. Logo dunha mañá na que se lle dedicou unha rúa na súa localidade natal en Dodro, da ofrenda floral no cemiterio de Imo (onde está soterrado) e da comida de confraternidade no Pote de Maniños, unha representación do nacionalismo galego congregouse na praza de Armas de Ferrol. Desde alí, ao son do “Himno do Antigo Reino de Galicia”, e baixo a mirada dos axentes de dous furgóns policiais, dirixíronse ata o portal 27, onde morreu este militante en 1975, fuxindo dunha redada policial. Alí depositaron unha coroa de flores e reivindicaron a súa figura como un exemplo para o presente e para o futuro, para rematar o acto cantando a Internacional.


Entre os dirixentes nacionalistas que participaron atópase o secretario xeral da UPG e deputado no Congreso polo BNG, Néstor Rego, quen interveu a continuación no acto político que se levou a cabo na praza de Armas. “Recordar a Moncho Reboiras é evidenciar a necesidade de traballar por este país, por defender os intereses de Galiza e das súas clases populares”, comentaba minutos antes de comezar a falar. “El dedicou a súa vida a organizar aos traballadores e traballadoras, a crear os primeiros xermes do que é o sindicalismo nacionalista. Tiña claro que para que Galiza puidese avanzar necesitaba de liberdade, non só fronte á ditadura franquista, senón de liberdade de decidir”, engadiu.

 

 

Globalización


Na actualidade, esa loita por ter a capacidade de tomar decisións en función dos intereses dos galegos é unha das máis vixentes á hora de lembrar a Reboiras, apunta o secretario xeral da UPG. “Na vida de Moncho Reboiras foi central a convicción de que para que Galiza tivese futuro e puidese acceder a ese estatus de país libre era preciso tamén que tivese organizacións políticas, sociais e sindicais propias; iso que habitualmente chamamos autoorganización. No contexto actual continúa sendo unha absoluta necesidade”.


Comenta Rego que “estamos nun marco globalizado, en que cada vez parece que as decisións se toman máis lonxe” e, sen desbotar “que se poidan coordenar esforzos e políticas en aras de maior eficacia e de maior progreso da humanidade, débese facer sempre desde o respecto dos intereses de cada pobo”.


O deputado nacionalista no Congreso refírese precisamente á súa presenza en Madrid e tamén na Eurocámara como un exemplo de voz propia e enfoca os esforzos da súa formación cara ás próximas citas electorais, desde as municipais do próximo maio –”en que teremos que aumentar o número de concelleiros e concelleiras pero tamén de alcaldías nacionalistas”– ata as autonómicas de 2024, cando prevé “unha mudanza de rumbo definitiva neste país”.


Considera o líder da UPG que a figura de Moncho Reboiras, recoñecida como vítima do franquismo despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica, debe ser máis reivindicada por todos os ámbitos da sociedade galega. “Estamos convencidos de que co tempo a súa figura vai ir gañando cada vez máis presenza”. 

Rego reivindica a vixencia do pensamento político de Moncho Reboiras no contexto actual

Te puede interesar