O proxecto do CHUF para mellorar as retinografías con móbil gaña un premio do Diario Médico

O proxecto do CHUF para mellorar as retinografías con móbil gaña un premio do Diario Médico
Hospital Naval oftalmología taller de uso de retinopatías por smartphone

A observación do fondo do ollo grazas a imaxes tomadas por un móbil intelixente, xunto co uso dunha lente de oftalmoscopia de 20 ou 28 dioptrías e gotas de dilatación, é unha técnica que axiliza probas e diagnósticos e que Ferrol empezou a empregar no ano 2009. Pero o método presentaba certas limitacións e precisábase un adestramento especializado. Por iso o CHUF, xunto co Colexio de Médicos da Coruña e a Sociedade Galega de Telemedicina, traballou nun dispositivo que permitise salvar os atrancos e facilitar o seu uso.

Coa axuda dun enxeñeiro, Mario Musicó, deseñaron un aparato “máis versátil que os dispoñibles, máis doado de usar”, explican desde a área de Oftalmoloxía. Crearon dous prototipos, un dos cales se adapta a unha ampla gama de teléfonos. “O dispositivo funciona e emprégase de rutina na urxencia e con algunhas especialidades”. Desde aí envíase a imaxe a un especialista, o que axuda a un diagnóstico máis rápido e sen desprazamentos innecesarios.

Esta innovación foi premiada como unha das “Mellores Ideas 2019” do Diario Médico, na categoría de Saúde Dixital e Tecnoloxía. A coordinadora do proxecto, Nuria Olivier Pascual, acudiu onte á Facultade de Medicina e Ciencias da Saúde da Universidade de Barcelona a recoller o premio, en nome de todo o equipo. Estivo acompañada pola responsable do servizo de Oftalmoloxía do CHUF, Dolores Álvarez.

O galardón, indican, é un recoñecemento aos profesionais e ás institucións que colaboran no proxecto, pero tamén ten unha vertente solidaria. O servizo de Oftalmoloxía colabora con organizacións non gobernamentais para as que estes dispositivos poden resultar de grande axuda na exploración do fondo do ollo nas campañas que realizan en países en vías de desenvolvemento.

Diabete e hipertensión

A teleoftalmoloxía funciona en Ferrol desde 2009, sendo un dos hospitais pioneiros no seu emprego. Nese ano facíanse 628 retinografías a distancia. Unha década despois, son 3.300 (no que levamos de 2019). Esta fotografía en cor da retina resulta de especial interese para afectados por diabete ou hipertensión porque permite valorar o dano na visión que causan estas enfermidades. Emprégase tamén para calquera outra patoloxía que poida afectar á vascularización da retina, como as tromboses arteriais ou venosas.

Antes da incorporación da telemedicina, esta exploración realizábase nos retinógrafos existentes nas consultas externas. Coa implantación desta consulta a través do móbil axilizouse o sistema, o que resulta especialmente útil en pacientes crónicos, que poden evitar desprazamentos ata o hospital.

O proxecto do CHUF para mellorar as retinografías con móbil gaña un premio do Diario Médico

Te puede interesar