O proxecto “Arte Ambulante” ofrece dous obradoiros gratuítos en San Sadurniño

O proxecto “Arte Ambulante” ofrece dous obradoiros gratuítos en San Sadurniño
Un momento da inauguración da mostra o pasado sábado

O proxecto multidisciplinar “Arte Ambulante” desembarcou a pasada fin de semana en San Sadurniño para achegar ao público as diferentes expresións da arte contemporánea galega aos entornos rurais.

A iniciativa impulsada pola asociación profesional de artistas de Galicia “A Colectiva” comezou o pasado sábado coa inauguración dunha exposición que poderá verse ata o día 15 de decembro na Galería da Casa do Concello nos horarios habituais de apertura das oficinas municipais.

Xunto a esta mostra, o grupo artístico propón tamén dentro do seu proxecto a celebración de dous obradoiros de creación, un centrado na composición de “collages” e outro na relación entre a roupa e a memoria, de dous días de duración cada uno.

“Collage”

O primeiro, previsto para o venres 29 –de 16.30 a 19.30 horas– e sábado 30 deste mes –de 10.30 a 13.30 horas–, será impartido polo artista Héctor Francesch na Casa da Xuventude. Levará por título “San Sadurniño on fire!” e oferta 12 prazas.

No mesmo, proporá traballar sobre fotografías e estampas de edificios e lugares coñecidos de San Sadurniño para, a partir delas, montarse recurtando e pegando novas escenas singulares.

O seguinte, denominado “O tecido da memoria”, será en decembro, o sábado 21 e o domingo 22. Impartido neste caso pola artista e deseñadora de moda Melania Freire, está concibido para público feminino –aínda que tamén poden participar homes– ata completar o cupo de 15 prazas ofertadas. Tomando como referencia unha prenda de roupa que teña certo simbolismo para quen participe, desenvolverase a idea de xuntar en fotografías con estética de bodegón a persoas e roupa, entendendo estas últimas como continentes da memoria.

“A Colectiva” dispón de alomenos outro catro obradoiros artísticos relacionados co proxecto itinerante “Arte Ambulante”, que poderían desenvolverse máis adiante en San Sadurniño.

Para participar nestas actividades, que son totalmente gratuítas, é necesario inscribirse previamente pasando pola Casa da Cultura ou contactando co técnico municipal no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O ciclo conta co apoio da Deputación da Coruña.

O proxecto “Arte Ambulante” ofrece dous obradoiros gratuítos en San Sadurniño

Te puede interesar