lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

O programa de rutas guiadas do Concello anima a ir “Descubrindo Neda”

O muíño da Barcia, á beira do río Belelle, é un dos moitos exemplos destas edificacións históricas vinculadas coa fama do pan de Neda | cedida

O Concello nedense organiza unha vez máis o plan que anima a percorrer os seus lugares máis valorados polo seu patrimonio histórico e natural. Trátase do programa “Descubrindo Neda”, que consiste na realización de itinerarios todos os mércores de agosto e setembro, en horario de tarde, e cuxa participación é gratuíta.


Todos os percorridos están guiados pola técnica de Turismo Victoria Fornos e é preciso inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas, enviando un correo electrónico a maria.fornos@neda.gal ou chamar ao teléfono do Albergue 682 623 335.


O día 10 realizouse a primeira saída da programación, a Ruta da Fervenza, que tiña como destino este salto de auga situado no lugar do Roxal, que é un dos máis altos de Galicia. A súa caída ten uns 45 ou 50 metros e remata nunhas pozas naturais.


Nas proximidades da Fervenza hai unha central hidroelécrica que foi construída a comezos de século para dotar de electricidade a Ferrol, que até ese momento non dispoñía dela. Por iso hoxe podemos ver que o río conta cunha canle de auga, que continúa operativa.


A Ruta da Fervenza partiu do histórico Pazo de Isabel II, fundado en 1841 como fábrica de Tecidos polos Irmáns Veiga. O conxunto arquitectónico está situado de novo no Roxal, rodeado por un groso e longo muro, que en todo caso non se pode traspasar, xa que se trata dunha propiedade privada.


O único visible do pazo é a entrada ao recinto presidida por unha coxía horizontal, que é o nome que recibe o espazo que se atopa entre muros ou piares, en cuxo centro se abre o portalón que dá paso ao vestíbulo.


A partir do acceso asoma a parte oculta, que comeza cun paseo de magnolios que introduce no xardín. O edificio máis importante está conformado por unha planta deseñada en forma de letra “L”, aínda que tamén son destacables o hórreo e a fonte realizada en ferro. Este surtidor segue a iconografía clásica que representa a un neno tocado por un ramo de oliveira, que é símbolo da vitoria, sentado sobre unha vieira que sostén un monstro mariño.


Do Pazo da Mercé


Este percorrido circular terá lugar o día 17 con saída ás 18.00 horas do histórico edificio situado á beira da ría, que data do século XVI, aínda que tamén se visitarán outros sitios como O Puntal, Fábrica Labora e Fábrica do Monte.


Actualmente o pazo está restaurado e dedicado a un negocio que inclúe servizo de hotel, ademais da celebración de vodas e eventos. Hai unha lenda sobre esta construción que di que está unido por un pasadizo submarino ao mosteiro de San Martiño de Xubia, emprazado ao outro lado da ría.


Fantasías á parte, o pazo está rodeado de natureza e ten unha extensa e variada historia, que comeza cos irmáns Somalo. Un deles era o párroco de Neda e outro era un comerciante que abriu unha fábrica de curtidos nuns pavillóns anexos. A comezos do século XIX o propietario pasou a ser Pensel, un mineralista alemán casado cunha filla do fundador, mais este morreu sen descendencia, polo que pasou a novas mans.


Non obstante, ditas mans non tiñan a lexitimidade para a posesión, xa que o sacerdote irmán do fundador tivera dous fillos que reclamaron a propiedade. Aínda así, despois da morte destes herdeiros a fábrica volveu ser dominio de Cebreiro, titular previo aos sucesores do párroco.


Dos Muíños


Neste caso haberá dúas sesións nos días 31 deste mes e 7 de se-tembro. O punto de encontro será a igrexa de Santa María ás 17.30 horas. Este itinerario vincúlase co renome do pan de Neda, xa que os muíños eran imprescindibles para a elaboración deste ben gastronómico.


A súa reputación evidénciase pola Festa do Pan de Neda, que tradicionalmente se celebra o primeiro domingo de setembro e foi declarada en 2013 de Interese Turístico de Galicia pola Xunta, noticia que coincidiu co 25 aniversario da celebración.


Nos dous encontros que convoca o programa “Descubrindo Neda” ofrécese a posibilidade de coñecer un entorno natural privilexiado e como sería o proceso de elaboración da fariña e o pan. Foi precisamente este alimento o que deu impulso no pasado ao lugar, aquel que durante séculos convertiu á real vila en capital do trigo de Galicia.


De feito, a orixe da tradición panadeira de Neda remóntase á Idade Media, cando nacen importantes industrias, como os muíños de trigo en torno ao río Belelle. Uns escritos dun muro do casco histórico xa presumen de que o Conde de Andrade ía á vila para probar o produto dos seus fornos, e que o rei Felipe II mandou crear en Neda os Fornos Reais ou Casas Reais que aprovisionaron ás Armadas dos Reis de España.


O prestixio tamén procede da calidade das augas para a elaboración do produto, tanto como ingrediente como de forza motriz dos muíños. Nos anos XX, o médico Santiago de la Iglesia recomendou esta auga tras facer análises bacteriolóxicos, que concluíron a pureza e presenza de fungos beneficiosos. Calidade e fama que continúan a atraer á poboación de toda a contorna para saborear o pan, empanadas e doces das panaderías de Neda.

 

 

Próximas


O itinerario que segue aos do Pazo da Mercé e dos Muíños é a Ruta de Anca, que terá lugar o 14 de setembro con saída ás 17.00 horas da igrexa de San Pedro. Trátase da última das que existen detalles confirmados sobre horarios e puntos de encontro.


Aínda así, o Concello xa anunciou futuros traxectos coas súas respectivas datas. O 21 de setembro está prevista a Ruta ao Casco Histórico de Neda e o día 28 a do Monte de Ancos, mais quedan por anunciar os lugares desde os que se sairá a camiñar e as horas nas que comezarán as rutas

O programa de rutas guiadas do Concello anima a ir “Descubrindo Neda”

Te puede interesar