Os estudantes estranxeiros que se incorporan á UDC neste cuadrimestre inicial do curso foron recibidos este xoves no salón de actos Concepción Arenal do Campus. Este grupo, integrado por 40 persoas, verase incrementado ao longo do ano con máis chegadas.
A vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, Bruno Casal, deron a benvida aos protagonistas no Campus. Ademais, o alcalde, José Manuel Rey Varela, presidiu outro acto con máis da metade destes alumnos na casa consistorial.
Estes 40 estudantes son de Brasil, Corea, Costa Rica, Italia, México, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía e Turquía. Ademais, tamén acudiron alumnos doutros puntos de España, que veñen a través do programa de mobilidades nacionais Sicue, promovido pola Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas –CRUE–.
Os estudos que cursarán impártense na EPEF, na EUDI e na Facultade de Humanidades e Documentación, así como na de Enfermaría e Podoloxía. Non obstante, ao longo do ano incorporaranse novos alumnos e persoal investigador, que virán á cidade para continuar coa súa formación, realizar prácticas académicas ou estadías de investigación.