A primeira pedra do monumento a Curros Enríquez (XCVI)

A primeira pedra do monumento 
a Curros Enríquez (XCVI)
Monumento a Curros na Coruña

O caso foi que, sen estar totalmente aclarado a quen se ía abrir o concurso para a adxudicación do monumento a Curros Enríquez nos terreos cedidos por Concello coruñés nos xardíns de Méndez Núñez, chegaron os excursionistas da Habana e tivo lugar a cerimonia de colocación da primeira pedra do mesmo.
Ás dúas da tarde do 11 de xullo de 1923 arribaba ao porto coruñés o vapor Espagne, que partira da Habana o 30 de xuño, no que navegaran os compoñentes da que os xornais denominaban “la excursión de la Habana”.
O diario El Ideal Gallego do día seguinte dedicou á visita dúas páxinas baixo o título “Efusiva afirmación Hispano-Americana / Una Embajada de Cuba en La Coruña”. Ente diferentes colaboracións figuraba o poema “Saúdo”, da autoría de Manuel Lugrís Freire, como é ben sabido académico e moi destacado membro da Irmandade da Fala, que catro décadas antes vivira unha ducia de anos como emigrante na Habana. Os versos din así: A Cruña sente ledicia, / qu’estremele a yalma enteira / da nosa santa Galicia, / porque veñen pol-o mar / en busca dos seus amores / e en percura do seu lar, / os seus fillos mais amantes / que sufriron as saudades / sin nome dos emigrantes / ......... / Todo igual: veigas e montes / os ridentes arboredos, / os dourados hourizontes; / augas dormidas das rías, / meigos espellos dos ecos / e das frondosas campías; / estrelas escentiantes / noites mornas de luar... / ¡todo está como dinantes! / As ansias de libertade / siguen no peito gardadas / buscando a maturidade, / que tarda tanto en chegar, / que a esperanza xa vai cansa / de tanto tempo agardar. /

/ Irmans, irmans emigrantes, que a Terra teña pra vós agarimos tan amantes / que cando outra vez volvades / encontredes a Galicia / redimida en quesoñades... / Daquela a nosa oración / será a cántiga acuciada / pol-o noso corazón”. Aparece datada “Mes de Santiago, 1923”.
Nas dúas páxinas reprodúcese tamén o poema “La mujer cubana”, de Curros.
Semanas antes estaban configurados os actos que se ían celebrar en obsequio dos visitantes de Cuba, preparados, coordinados e patrocinados polo Concello.
Un dos actos máis relevantes era do da colocación da primeira pedra do monumento, episodio no que tivera que ver quen fora director e propietario do habaneiro Diario de la Marina –onde traballara o poeta celanovés– como se encargou de lembrar, na súa intervención no acto do 22 de xullo o xornalista e literato Enrique Coll, que ostentaba a representación dese diario: “A la iniciativa de D. Nicolás Rivero débese en gran parte la erección del monumento. Justo es recordarlo y yo lo recuerdo”. Tomo a cita da noticia “La excursión cubana / Los actos del domingo”, aparecida en El Orzán de 24 de xullo de 1923.

Este acto comezara na praza de María Pita, coa saída dunha cívica na que non participou Peña Novo entre os concelleiros que asistiran a ela. Chegada a comitiva ao paseo de Méndez Núñez, procedeuse a colocar no oco onde había descansar a pedra unha caixa de cinc contendo a acta subscrita polas autoridades e representacións, os números do día dos catro xornais coruñeses e algunhas moedas e acto seguido o alcalde Ponte Blanco procedeu á colocación da primeira pedra. A continuación, o alcalde abriu o turno de discursos.
Peña Novo, en representación do alcalde, si acompañaría os excursionistas cubanos na súa visita a Betanzos e aos Caneiros na tarde dese mesmo día e, segundo recolle El Ideal Gallego, do día 24 de xullo –”Homenaje a los excursionistas cubanos / Excursión a Betanzos y visita a los Caneiros”–, “El señor Peña Novo pronunció en gallego un elocuente discurso en el que hizo historia de Betanzos y dedicó párrafos encomiásticos a los excursionistas cubanos, a la fraternidad de ambos paises, a la fala gallega y a la raza”.
A institución académica, que, como xa quedou apuntado na anterior entrega, era quen tiña a encomenda da realización do monumento, na “Sección Oficial” do seu Boletín de la Real Academia Gallega, de 1º de agosto de 1923, incluía un apartado, “El monumento a Curros Enríquez.-Colocación de la primera piedra”, no que, malia indicar que xa se falara do asunto na prensa diaria, explicaba con certa demora o acontecido. No que aquí e agora interesa, facía referencia a que na comitiva estiveran presentes tanto a Irmandade da Fala como a Irmandade Nazonalista Galega. Nos diarios non vin que se falase da presenza dos nacionalistas liderados por Vicente Risco, mais si se pode ler o nome de Villar Ponte entre os dos participantes nalgúns actos.


En consonancia co desacordo coa actuación da Academia na cuestión de non aclarar quen ía ser o autor do monumento ao poeta, A Nosa Terra case que tiña a obriga de dedicar un artigo ao acontecido no acto de colocación da primeira pedra. Así, no número de 15 de agosto, o boletín das Irmandades publicaba “O moimento a Curros”, no que manifestaba:
“Celebróuse xá o acto de colocar a primeira pedra para o moimento que na Cruña vaise erguer a Curros Enríquez. Non val a pena reseñar o acto. Só diremos que houbo discursos rebosantes de cursilería e d’un galeguismo percalinesco”. Sobre a presenza dos nacionalistas no mesmo di que a Irmandade asisitiu “porque como xá dixo máis veces está moi d’acordo con que se faga o moimento que perpetuará a lembranza d’un dos nosos mais grandes homes. Non fixo mais que acto de presencia”. Mais esa asistencia non significaba que fosen esquecer que “temos pedido, como Galicia enteira, que o moimento sexa obra d’un artista galego. Temos moi presente canto dixemos en col do asunto e non nos volvemos atrás.
Compre agora agardar a ver que fan os encarregados de erguer o moimento e según eles fagan obraremos nós”.
Un par de días despois da posta en marcha oficial da obra do monumento -que, como é sabido, non se inauguraría ata 1934- aos nacionalistas tocáballes celebrar debidamente o Día de Galicia.
Como en anos anteriores A Nosa Terra, dedicou a práctica totalidade do seu número de 25 de xullo de 1923 á efeméride. Desta volta tamén a nómina de colaboradores en diferentes xeitos foi grande e variada. Recóllense textos de personalidades doutras esferas políticas, como Portela Valladares, xunto aos de nacionalistas –tanto da Irmandade da Fala como da ING– como López Abente, Federico Zamora, Leandro Carré, Blanco Torres, Eugenio Carré..., ademais de poemas de Cabanillas, Euxenio Montes ou Xesús San Luís Romero.

No artigo “O ‘Día de Galicia’” facía balance do terceiro ano de celebración da sinalada data. Destacaba que onde máis se celebrara fora en Vigo e na Coruña. Daba conta de que en Vigo a ING celebrara unha festa galega no teatro Odeón” e o Concello pendurara “por vez primeira a bandeira galega no seu edificio”, alén de se interpretar o himno galego na Alameda. Da Coruña dicíase que a Irmandade da Fala se dirixira a todas as sociedades rogándolles que colocasen a bandeira, como así fixeran a “Reunión de Artesanos” –algo habitual nela–, o “Novo Club” e o “Sporting Club”, estes por vez primeira. Tamén se puidera ver a bandeira no local da propia Irmandade, obviamente, no Concello, no edificio que estaba construíndo o Pastor no Cantón, xunto coa española, e mais no “Atlantic Hotel”, neste só a galega. Engádese que, a petición da Irmandade, tocaran pezas galegas os sextetos que actuaban nos cafés. A Irmandade tamén repartira pola cidade unha folla alusiva á efeméride –reprodúcea o boletín– e celebrara unha cea nun restaurante da Pasaxe, no que interviñeron como oradores Lugrís e Peña Novo e se “fixeron votos pol-a libertade da Patria.
Nutro dos artigos sen asinar, “A bandeira galega”, os nacionalistas rexistraban con ledicia que en todas as festas e actos que se celebraran na Coruña con motivo da visita dos excursionistas da Habana, en todas as sociedades e en todas as partes ondeara a bandeira galega.
Tamén se recollía que, nunha sesión da corporación municipal de Santiago, o concelleiro agrario Antelo López propuxera –e xa se aprobara– que a bandeira galega figurase no Pazo consistorial ao carón da española.
Finalizaba o artigo manifestando que cumpría, pois, que o exemplo da Coruña, de Vigo e de Santiago atopase igual acollida nos demais pobos galegos. Entendíase que nesa “hora do rexurdir da Patria teñen unha fonda transcendencia estos feitos que con fondo orgulo e satisfaición rexistramos”.

A primeira pedra do monumento a Curros Enríquez (XCVI)

Te puede interesar