O fotógrafo documentalista Adra Pallón (Lugo, 31 anos) volveu gañar este ano, como xa ocorrera en 2021, o premio Galicia en Foco convocado polo Club de Prensa Ferrol. Desta volta, o certame elixiu entre todos os traballos presentados a serie “Cinza e Lume” na que o profesional lugués recolle os efectos do incendio en Ribas de Sil, en 2021. Unhas imaxes que, a xuízo do xurado, “nos sitúan nas entrañas dunha devastación forestal e no sentir das persoas que están na liña de loita contra o lume, como se pode observar en todas e cada unha das fotos da serie”.
Pallón desprazouse onte á cidade naval para recibir, nun acto celebrado no centro cultural Torrente Ballester, un premio “que sempre é un empurrón para seguir facendo fotos e contando historias. Dá tamén un pouco de aire, porque tamén axuda economicamente –está dotado con 1.000 euros–”, salientaba en declaracións a este xornal.
Nunha profesión moi marcada pola precariedade, como tantas outras, Pallón optou por combinar o fotoxornalismo con outros proxectos máis prolongados no tempo que lle permitan construir relatos máis amplos sobre temáticas do seu interese.
De aí naceu hai xa catro anos o seu proxecto “Demotanasia”, no que busca documentar o abandono do rural e a desaparición “lenta e silenciosa” dunha forma de vida que afecta a boa parte do país. A súa proposta vén de se converter na gañadora da prestixiosa Beca Joana Biarnés para fotoxornalistas mozos convocada pola Fundación Photographic.
“Este ano tiven a sorte de gañala. A nivel estatal supón a oportunidade máis relevante para poder materializar un proxecto. Ademais da achega económica, tes tamén un titor e o apoio da Fundación”, destaca. Con este mesmo proxecto sobre a despoboación do rural gañou xa en novembro o premio Zampa de Fotoxornalismo.
“Comecei a traballar neste tema porque pensei que igual non se estaba a tratar como se merece e decidín poñerme a traballar moi en serio nel”, comenta. As imaxes sobre os incendios recoñecidas pola trixésimo primeira edición do premio Galicia en Foco enmárcanse tamén neste ambicioso proxecto do fotógrafo lugués, que sostén que “a despoboación do rural é unha das causas dos numerosos problemas medioambientais, como o aumento na voracidade dos incendios forestais ou o incremento da erosión do terreo”.
Pallón defende a idea de que “a realidade que temos aquí, no noso país, ten que ser contada desde a nosa óptica e premios como Galicia en Foco son sempre un aliciente”, concluíu.