Premio á implicación dos centros de ensino na aprendizaxe da lingua de signos

Premio á implicación dos centros de ensino na aprendizaxe da lingua de signos
Entrega de premios e diplomas no local da AXF en Porta Nova I Jorge Meis

Ferrol uniuse á celebración do Día das Linguas de Signos Españolas con actividades que se celebraron desde as cinco da tarde no local que a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra ten no centro comercial Porta Nova. Alí entregáronse os recoñecementos “Deaf Friendly” ao IES de Catabois, o CIFP de Leixa e o CEIP Plurilingüe O Ramo polo seu traballo de fomento da accesibilidade á lingua de signos, en colaboración coa AXF. O acto contou coa presenza da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, quen valorou o traballo das entidades que promoven e fomentan  o uso dos idiomas de comunicación xestual. 


O recoñecemento foi tamén para o alumnado dos cursos de lingua de signos do colexio O Ramo, de Fene, e do Centro de Atención a Persoas Discapacitadas Souto de Leixa, que recibiron os seus diplomas. Estes últimos encargáronse precisamente de dar unha sorpresa empregando todo o aprendido.


As iniciativas forman parte dunha proposta que se levou a cabo en rúas e prazas de toda Galicia, a instancia da federación que agrupa ás entidades galegas. Prevíanse mesas informativas, contacontos e talleres de signos básicos nas cidades. Porén, desde a AXF tiveron que modificar este programa e trasladar o resto dos actos previstos á súa sede ao carecer de autorización do Concello de Ferrol para o uso do espazo público, segundo indicaron nun comunicado feito público a través das súas redes sociais. Nel trasladan a súa “pena” e agradecen a súa colaboración aos colexios e entidades que ían colaborar este ano nas actividades. 


Mantívose a iluminación conmemorativa dun edificio público, neste caso o Jofre (en Narón, a rotonda de Freixeiro) coa cor azul turquesa, en solidariedade coas demandas que este colectivo fai para normalizar o emprego da súa lingua en todos os ámbitos. 


A AXF agradeceu a presenza de todos os que se achegaron á súa sede, con especial mención aos colexios participantes, á delegada territorial e tamén aos representantes do PP de Narón e a Mayte Deus, como vicepresidenta da Asarga (Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial).

Premio á implicación dos centros de ensino na aprendizaxe da lingua de signos

Te puede interesar