sábado 24.08.2019

As Pontes, preparada para o Carme e a Fraga, as súas festas por excelencia

Membros da familia Tojeiro encargaranse mañá de dar lectura ao pregón co que se abrirá o programa

As Pontes sesión vermú de a Festa da Fraga
As Pontes sesión vermú de a Festa da Fraga

Todo está xa preparado na vila das Pontes para vivir as súas festas máis importantes do calendario. O Carme e A Fraga constitúen o momento do ano no que máis xente se reúne na vila para gozar dun intenso programa no que, de novo, se prestará atención a todo tipo de públicos.


O infantil terá desta volta un importante protagonismo coa forte aposta feita polo Concello, a través da área de Cultura, para que os máis pequenos da casa teñan multitude de propostas entre as que elixir. Nesta liña enmárcase a acción de levar durante estes días a biblioteca á rúa con actividades nas que haberá tempo para o teatro, a maxia e os contacontos.

Co parque municipal como epicentro, os rapaces e rapazas terán tamén oportunidade de achegarse, á literatura a través dos libros que alí estarán presentes. Nese mesmo espacio poderá visitarse unha caravana audiovisual con cortes nos que se dá conta da historia do Camiño de Santiago.

Pregón
A lectura do pregón, prevista para mañá venres ás 21.00 horas diante da Casa do Concello, servirá como é habitual para inaugurar o programa festivo. Desta volta, o acto estará protagonizado por membros de tres ramas da familia Tojeiro, de orixe pontés e onde naceron a súas principais liñas empresariais. Contarase ademais coa actuación do Coro infantil do Conservatorio local. Ás 23.00 horas terá lugar o concerto do grupo Black Jack, na rúa Ramón Cabanillas. A programación deste primeiro día comezará, porén, antes, arredor das 14.30 horas, coa XXIII edición da comida organizada polas Carmes das pontes. Ás 19.00 horas terá lugar o espectáculo “Isto non é unha caixa” e ás 20.00 horas a misa do Carme con posterior ofrenda floral.


Abrirase así paso a unha das xornadas máis importantes do intenso programa festivo, a do sábado, cando terá lugar un dos actos que máis público concita. Trátase da procesión nocturna que está moi arraigada na vila e que partirá, trala misa, arredor das 22.00 horas acompañada das bandas de música das Pontes e de Gaitas da Escola Municipal da vila.
Todas aquelas persoas que desexen colaborar na elaboración da alfombra floral poden pasar hoxe, a partir das 16.00 horas, polo pavillón polideportivo da Magdalena para picar a flor ou ben poden facer donacións para a adquisición destas.


Outro dos pratos fortes do sábado será o concerto “1980 Pop Festival”, con Javier Gurruchaga (da Orquesta Mondragón), Alejo Stivel (Tequila) e Miguel Costas (Siniestro Total) acompañados da banda Nuevo Plan Big Band. A orquestra New York pechará o día.

O certame de bandas, o Festival Folclórico Internacional, así como outras moitas propostas culturaiss e deportivas sucederanse ata a semana que vén. O festival folk e a romaría da Fraga pecharán, como é habitual, o programa de festexos.

Comentarios