As Pontes celebra as vodas de prata da Feira de Fungos e Cogomelos

As Pontes celebra as vodas de prata da Feira de Fungos  e Cogomelos
Feira dos Cogumelos en As Pontes

A chuvia respectou a Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes e este outuno de agradables temperaturas permitiu que numerosas persoas se achegasen ata a localidade para gozar dun día cheo de atractivos. Non foi tan bo este tempo para a proliferación de variedades no monte, polo que desde o Concello agradeceuse especialmente o esforzo das 28 persoas que participaron coas súas cestas no concurso que se celebrou pola mañá. Os premios repartíronse entre nomes ben coñecidos entre os afeccionados á micoloxía e á feira pontesa. Anna Katherina Koubek conseguiu o galardón especial, co que se valora en particular a presenza de especies raras e a presentación. Xa o conseguiu en anteriores ocasións, entre elas o ano pasado. No apartado regular os galardóns tamén tiveron semellanza cos do ano pasado, xa que gañou outra vez Pablo Cuadrado e foi segunda Raquel Pancini. Miño Guerreiro, Miguel Ángel Mazás e Ricardo Gabeiras completaron este podio.
O concurso de cestas é o eixe desta celebración, xunto cunha degustación popular na que cada ano se propoñen novas receitas que incorporan distintos cogomelos. Nesta ocasión repartíronse 600 racións, segundo informan desde o Concello. O apetecible menú estaba formado por lentellas guisadas con níscalos, pleorotus e champiñós; lasaña de polo con boletus edulis; e tarta de requeixo con mel. Serviuno Cátering Ferrolterra.
Pola mañá, coa entrega de premios do certame de cestas, celebrouse ademais a do concurso escolar de debuxo “O mundo da micoloxía”, con 40 vales de 40 euros cada un e tamén un premio especial de 100 euros para os alumnos de 1º de Primaria do colexio A Magdalena.
Un paseo pola localidade permitía ademais visitar a mostra de artesáns do Eume, con demostracións en vivo, ou a de produtos de outono. Tamén abriu o Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes, que volve ofrecer bos prezos hoxe na avenida da Coruña. A música sonou durante todo o día con distintos grupos tradicionais que ademais formaron parte dunha nova iniciativa, os Cantos de Taberna, que achegaron a música de dez grupos por outros tantos locais colaboradores tanto ó mediodía como á tarde-noite. Tampouco faltou o humor cómico con Álex Clavero e o seu monólogo “Mi madre es trending topic”, no Alovi.

As Pontes celebra as vodas de prata da Feira de Fungos e Cogomelos

Te puede interesar