Esta é a terceira xornada do Polymer Processing, un congreso internacional que se celebra no Campus Industrial e rematará este xoves. O encontro, que é a primeira vez que se convoca en España, ten lugar en Ferrol polo seu vínculo coa investigación no tema central, o eido dos polímeros.
Os cinco continentes teñen representación neste evento, ao que acoden arredor de 250 investigadores de 29 países. Este martes celebrouse a inauguración institucional co reitor da UDC, Ricardo Cao; o presidente de Polymer Processing Society –PPS–, Sadhan Jana; a concelleira de Universidade, Patricia Cons, e o director do Campus Industrial, Marcos Míguez.
“O motivo de ser dunha Universidade é xerar coñecemento e tamén transmitilo”, indicou o reitor, Ricardo Cao, en relación cos dous polos do congreso, a investigación e a formación, respectivamente. Ademais, en canto á transferencia tamén se referiu á que se realiza cara ao tecido produtivo, que se materializa na cátedra da UDC con Navantia.
“Para nós é un pracer concitar aquí a toda esta chea de investigadores e estudantes de doutoramento que van avanzar en temas do procesamento de polímeros, aspectos técnicos que esperemos que durante estes días teñan moitos avances e consideren tamén facer un certo esparcimento do programa social”, sinalou o reitor da UDC, Ricardo Cao.
Así, a proposta do PPS complementarase con outras de índole turística. Este martes e este mércores están previstas excursións en barco pola ría, pola cidade, ao castelo de San Felipe e a Exponav. Ademais, o xoves, ao remate, ofrecerase unha excursión a Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, na pasada tarde ofreceuse unha das diversas sorpresas preparadas no Campus, unha “festa galega” para dar a coñecer a gastronomía, a música e o baile tradicional.
Un trío de persoas que traballan no Laboratorio de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais –Citeni– atópase no núcleo da organización do Polymer Processing. Entre eles figura a vicerreitora do Campus, Ana Ares, ademais doutros investigadores como María José Abad e Jaime Martín, que completan o equipo do grupo de Polímeros, e Anne Gosset, do Grupo Integrado de Enxeñaría, e Jorge López Beceiro, do Proterm.
“Pero xunto a eles hai un montón de compañeiros destes grupos de investigación que formaron parte do comité científico e tamén do organizador, ademais da profesora Maricarmen Ramírez, un montón de estudantes de predoc e posdoc”, indicou Ana Ares.
Sobre estes alumnos, a vicerreitora resaltou que “son eles os que están a levar o peso das salas paralelas, da mesa de rexistro e tamén van ser os encargados de facilitarlle a vida ás persoas investigadoras que están aquí no Campus”, detallou a organizadora, que resumiu algúns detalles do programa.
“Durante o desenvolvemento do congreso teremos contribucións orais de moitos investigadores que veñen de moitas partes do mundo”, explicou a vicerreitora, que tamén concretou cifras como as arredor de 160 conferencias e 40 pósters.
Os diversos patrocinios foron outro dos temas a resaltar, xa que “o noso Vicerreitorado de investigación colaborou con financiamento e obviamente o do Campus Industrial tamén nos axuda a poñer en marcha este tipo de iniciativas”.
Ademais, a colaboración co grupo especializado en polímeros a nivel estatal, da Real Sociedad Española de Física y Química, posibilitará os premios para os mellores pósters, nos que “compiten soamente os estudantes predoc ou posdoc” que participaran nas conferencias do evento.